Galegas 2020

O BNG promete poñer en marcha un sistema ferroviario público, o “GALTREM”

Estación de tren da Coruña
Estación de tren da Coruña

Será un transporte ferroviario “sostible, eficiente e do século XXI”

A cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil e o candidato por A Coruña, Xosé Luís Rivas presentaron as propostas do BNG en materia ferroviaria  cara unha mobilidade racional e moderna

Nun acto celebrado na porta principal da Estación de ferrocarril da Coruña, a cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil e o candidato pola Coruña, Xosé Luís Rivas afirmaron que un goberno do BNG na Xunta impulsará a creación   “dun ente público que xestione e promova o GALTREN, tren de proximidade galego”.

A candidata nacionalista asegurou que, a día de hoxe, as conexión ferroviarias lonxe de mellorar, empeoraron nos últimos anos “sen que o Partido popular fixera nada” por mudar a situación. Rodil mostrou o seu rechazo a que Galiza teña un tren do século XIX e defendeu “unha mobilidade racional e moderna” na que o tren sexa o principal motor.

O BNG promoverá dende a Xunta a creación do ente público “Galtren” 

A cabeza de lista por Lugo salientou que a liña ferroviaria de Lugo continúa “sen electrificar, o FEVE desmantelado e o tren que une Coruña con Ferrol é tan precario que vai a menos velocidade que calquera coche que circule pola AP-9.

No BNG, dixo Rodil,  temos un compromiso firme coa defensa do tren porque é un medio de transporte “sostible e eficaz” e por iso, “con Ana Pontón á fronte da Xunta de Galiza, impulsaremos a creación dun ente público que xestione e promova o GALTREN”.

“En Galiza temos que apostar nunha mobilidade máis eficiente, máis racional e máis respectuosa co medio ambiente; unha mobilidade do século XXI que responda ás necesidades das galegas e galegos e contribúa á vertebración e desenvolvemento do noso país”. Ese é o compromiso do BNG. “Que Galiza volva coller o tren”.

O tren é idóneo en Galiza para o transporte de persoas e mercadorías

Pola súa parte, o candidato pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas (Mini) denunciou o sistema radial do actual tren  en Galiza  concibido para comunicalo con Madrid e outros puntos. Neste sentido, explicou que non  fai falta máis que tentar facer unha viaxe entre A Coruña e Ferrol para comprobar que o “Feve está desmantelado”.

Rivas tamén destacou  a situación nas que se atopan na actualidade as vías do tren en Galiza, “invadidas polas silvas” ademais de  trens sen revisor, circunstancias, que na súa opinión obedecen á intención do Partido popular de “acabar co tren como medio de transporte”. Fronte a isto, recalcou o nacionalista, o BNG aposta por unha mobilidade “ racional, sostible e eficiente” e o transporte ferroviario cumpre  con estas  condicións. “ O tren é idóneo en Galiza” e precisamos conectar as dúas áreas metropolitanas como Ferrol e A Coruña porque o percorrido agora  leva máis dunha hora e non conta con   horarios para persoas traballadoras e estudantes, concluíu. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG