Parlamento Galego

BNG presenta a súa alternativa para devolver ao pobo galego unha CRTVG que recupere o seu prestixio e sexa independente

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Un comité de expertos avaliaría con criterios obxectivos, non por afinidades políticas nin “acordos de mesa camilla”, as candidaturas á dirección xeral

Olalla Rodil: “Xa está ben de arrastrar polo chan un servizo público só para poñelo ao servizo do PP e para facerlle propaganda. É antidemocrático”

O BNG vén de rexistrar no Parlamento a súa alternativa ao proxecto de lei da CRTVG co obxectivo de devolver ás galegas e aos galegos os medios públicos do País e que estes recuperen o seu prestixio e a súa independencia. “Hai que acabar coa manipulación informativa que o PP está impoñendo na radio e na televisión de Galiza, unha manipulación que está cruzando todos os límites, que está arrastrando pola lama o seu prestixio”, asegurou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, durante a presentación da alternativa nacionalista.

A proposta rexistrada polo BNG é a alternativa ao proxecto do PP que, segundo denunciou Rodil, “erosiona gravemente a calidade democrática do noso País” pois incrementa o control político e partidista dos medios de comunicación públicos,  abre a porta ao uso de linguas distintas ao galego nas producións e comunicacións da CRTVG e “fulmina” os dereitos profesionais e de participación dos seus traballadoras e traballadores.

“O PP fulmina os mecanismos para garantir unha liña editorial independente co obxectivo de seguir degradando os medios públicos, de seguir atacando os principios de veracidade e de obxectividade para que cada vez a CRTVG sexa máis TelePP que Galega”, denunciou deputada do BNG. “Xa está ben de arrastrar polo chan un servizo público só para poñelo ao servizo do PP e para facerlle propaganda. É antidemocrático”, engadiu.

Fronte ao “atropelo democrático”  do PP para “asaltar” a radio e televisión públicas, o proxecto de lei nacionalista parte do principio de que a CRTVG non pertence a ningún partido senón que é parte esencial do patrimonio do pobo galego e, por iso, é necesaria a súa defensa e promoción adaptándoa aos tempos e ás mudanzas tecnolóxicas actuais, sen que iso signifique desposuílos da súa identidade orixinal, a comezar polo seu nome, que o PP quere cambiar e o Bloque opta por manter.

Segundo destacou Rodil, a proposta nacionalista persegue romper con calquera mecanismo de control gobernamental, e por iso introduce o concurso público como mecanismo de elección dos órganos de goberno e administración da CRTVG. Trataríase, recalcou, dun procedemento aberto e transparente para elixir os membros do consello de administración e a dirección xeral segundo criterios obxectivos e profesionais por parte dun comité de persoas expertas que deberán avaliar as candidaturas máis idóneas en base á presentación de proxectos, “non de afinidades políticas nin de acordos de mesa camilla”.  

Co mesmo obxectivo, a proposición de lei rexistrada polo Bloque contempla a creación do Consello de Informativos da corporación como órgano interno de participación das e dos profesionais que habería constituírse nun prazo máximo de seis meses. Velar pola independencia e imparcialidade dos profesionais dos servizos informativos, promover a independencia editorial e informativa da CRTVG e permitir a participación dos traballadores e traballadoras no nomeamento do persoal directivo no eido dos servizos informativos serían as súas funcións fundamentais. 

Olalla Rodil acusou o PP de “arrastrar polo chan”  a radio e a televisión galegas e, neste punto, defendeu a lei do BNG para recuperar o prestixio dos medios públicos, devolvéndolle o “orgullo colectivo” e adaptándoos aos tempos de hoxe blindando a súa misión de servizo público. O futuro da CRTVG pasa, engadiu, por promover novos formatos e soportes, pola innovación audiovisual “da man, sempre, dunha produción de calidade e de vangarda”.

“É esencial o persoal que conforma a CRTVG, ao que hai que coidar e deixar traballar, xunto a todo o sector audiovisual galego para fortalecer e impulsar a creación audiovisual feita en Galiza e en galego, para todas as franxas de idade pero especialmente para a mocidade e para a infancia”, explicou.

Blindar a lingua galega e os contidos de calidade

A viceportavoz nacionalista subliñou, neste sentido, os artigos que inclúe a proposta do Bloque para blindar a lingua galega na radio e na televisión pública e para reforzar o seu papel normalizador e tamén como garante de contidos, programas e servizos audiovisuais na nosa lingua para o público infantil e xuvenil.

“É o momento de reforzar a aposta polo galego en todos os espazos, tamén e sobre todo nos medios de comunicación, e non de achicarlle aínda máis espazo como quere facer o PP”, agregou Rodil, lembrando que segundo os últimos datos do IEG, o uso social do galego está en mínimos históricos e un terzo dos menores de 15 anos recoñece que nin sequera é capaz de falalo porque non sabe.

“En definitiva, presentamos unha lei para defender o servizo público que é a CRTVG e o dereito de todas as galegas e galegos a sentirnos parte dela, porque é do pobo galego, non do PP”, concluíu a viceportavoz do BNG no Parlamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG