O BNG presentará no próximo Pleno a súa alternativa para promover a permanencia de empresas en Galiza que reciben axudas públicas, por unha banda, e para ordenar, planificar e programar o desenvolvemento da extracción de minerais en Galiza, facendo fronte o modelo de “espolio e rapina que patrocina o Goberno do PP”.
Así o avanzou a viceportavoz primeira no Parlamento, Olalla Rodil, que detallou que a primeira das propostas do BNG farase a través dunha proposición de lei na que a formación nacionalista leva traballando desde hai meses con dous grandes obxectivos: por unha banda, evitar as deslocalizacións e industrias e, polo tanto, a destrución de postos de traballo e, pola outra, garantir que as axudas públicas en materia industrial e empresarial revertan social e economicamente no País.
Para iso, explicou Rodil, a iniciativa nacionalista propón que as empresas que reciban axudas públicas deben ter un compromiso de permanencia e que, no caso de incumprilo, levando a produción fora de Galiza, deben reintegrar recibidas nos últimos dez anos, así como os xuros correspondentes. Ademais, terán un recargo do 25 % como penalización polos prexuízos causados, posto que eses cartos poderían ter sido destinados a outros proxectos.
“É un disparate financiar con diñeiro público empresas que logo marchan de Galiza”, asegurou a deputada nacionalista que, no mesma liña de “protexer a capacidade produtiva do País”, adiantou que o Bloque tamén someterá a debate unha proposición non de lei sobre extracción de mineiras con tres puntos clave: declarar estratéxicos os recursos naturais de Galiza, garantir o peche de ciclos produtivos vinculando a proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e industrial os dereitos mineiros e promover a minería urbana, é dicir, a reciclaxe e a recuperación de materias primas críticas.
A lingua será outro dos eixos das iniciativas do Bloque na sesión plenaria da semana que vén. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vai preguntar na sesión de control polo “empeño” do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en converter o galego en “lingua de segunda”, como vén de demostrar máis unha vez coa súa negativa a que o galego sexa oficializado na UE.
Proposta para reprobar as “artimañas” do PP coa lingua
Ademais, o BNG vai defender outra proposición non de lei para reprobar as “artimañas” do PP en contra do galego. “Estamos diante do PP máis antigalego da historia, que non só non defende os intereses de Galiza, pregándose totalmente á estratexia de Génova, senón que traballa en contra do propio País”, denunciou Olalla Rodil, que acusou o PP de Rueda e Feijóo de traballar “de xeito incansable” para impedir que se acordase no Consello Europeo a oficialidade da nosa lingua.
“Que presidente considera secundario e un gasto os dereitos lingüísticos da xente do seu País?”, preguntouse, para a continuación cualificar de “absolutamente inadmisible” a postura do PP, que contravén un recente acordo unánime do Parlamento galego. “É un exemplo máis, un de tantos, da falsidade do PP cando fala dun acordo pola lingua. Non se pode chamar pola mañá a un pacto e pola tarde impedir que o galego conquiste novos espazos de uso”, denunciou.
A través dunha interpelación ao Goberno, o Bloque vai levar así mesmo ao Pleno o debate sobre a violencia machista, que debe volver “o primeiro plano do debate público e político” despois dos dous intentos de feminicidio rexistrados en Verín e Valdeorras e do caso de Campo Lameiro, que aínda está en investigación pero no que todo apunta a violencia machista tamén.
“Non pode pasar como se non acontecese nada”, advertiu Rodil tras lembrar as vítimas “nalgúns casos denunciaran e noutros pediran axudas”. “Está fallando o sistema de protección e non se está dando resposta como corresponde ás mulleres en situación de violencia machista”, alertou, recriminando que nesta situación nin o presidente da Xunta nin a conselleira de Igualdade fagan “unha mínima reflexión”. Reclamou por iso unha “reflexión profunda” para impulsar novas medidas que axuden a garantir os dereitos das mulleres.
Xenocido en Gaza: “O PP ten que poñerse do lado da vida e da humanidade”
O BNG aproveitou a Xunta de Portavoces para expresar a súa queixa formal ante a Presidencia por ter aberto as portas do Parlamento galego “de tapadillo” ao embaixador en funcións de Israel, Dan Poraz, que tamén foi recibido na Xunta, nunha “mostra de apoio que lle brindou o PP” a un goberno xenocida que está a perpetrar unha auténtica limpeza étnica contra o pobo palestino. Rodil criticou a “falsa neutralidade” do PP e advertiu contra o intento de tratar “con normalidade” o xenocidio na franxa de Gaza.
“O que lle pedimos tanto ao presidente do Parlamento como o PP é que rompan a relación que teñen co estado de Israel, que se poñan do lado do dereito internacional, da humanidade, da vida e do pobo palestino, que deixen de abrazar e de amparar a un goberno que leva aniquiladas sesenta mil persoas, o 70 % delas mulleres e nenas e nenos”, concluíu.