O BNG presenta mocións nos concellos de Bergantiños para parar o proxecto mineiro en Corcoesto

Un momento da rolda de prensa

O BNG presentará en todos os concellos da comarca de Bergantiños unha moción, na que os grupos municipais nacionalistas demandarán o acordo das corporacións para instar á Xunta de Galiza a non aprobar o proxecto mineiro de Corcoesto.

O Responsábel Comarcal do BNG Xoán Sande lamentou o posicionamento dos populares ante un proxecto que supón colocar unha auténtica “bomba de reloxería” a escasos metros do esteiro do río Anllóns, a principal fonte de vida da comarca. O goberno da Xunta, nunha atitude propia doutros tempos, entrega a prezo de saldo a unha multinacional canadiana a expoliación dos seus recursos, coa complicidade dos gobernos municipais do Partido Popular, activos defensores desta auténtica barbaridade.

Os tres Portavoces Municipais e o Responsábel Comarcal do BNG indicaron que a posíbel creación duns poucos postos de traballo durante un reducido periodo de tempo non pode xustificar esta explotación a ceo aberto e con utilización de cianuro. “Xogan coa miseria da xente”, destacaron, referíndose á chantaxe dos postos de traballo nunha comarca cunhas elevadísimas taxas de desemprego, precisamente froito das desastrosas políticas do Partido Popular.

Criticaron ademais que se permita a expoliación dos nosos recursos a unha multinacional canadiense, para extraer o ouro coa única finalidade de especular na bolsa de Toronto. Trátase dunha explotación altamente contaminante e perigosa, que ademais non vai producir absolutamente nada, pois só vai extraer o ouro para especular con el.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG