O BNG presenta a campaña contra a violencia machista baixo o lema “A manada é o sistema”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

OIlalla Rodil: “Queremos poñer o foco en que a manada non son cinco, que hai manadas na xustiza, na política a nas institucións nun sistema que  tolera que as mulleres sexamos agredidas por ser mulleres”

O BNG lanza a campaña con motivo do 25 de novembro Día internacional contra a violencia machista baixo o lema A manada é o sistema, para denunciar que a violencia contra as mulleres procede de todo un sistema que tolera e consinte que as mulleres non teñan garantidos os seus dereitos e sexan agredidas polo mero feito de ser mulleres.

“Non son casos illados, non son cinco homes que violan a unha muller nos San Fermíns, estamos falando de comportamentos do sistema, por iso denunciamos que hai manadas na xustiza, na política e nas institucións que toleran a violencia contra as mulleres”, indicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.

Para o BNG, o sistema actúa como manada “cada vez que emite unha sentenza na que se cualifica de maltrato ocasional o intento de estrangular a unha muller, cada vez que se lle obriga a 212 nais a deixar aos seus fillos e fillas cun maltratador, cada vez que se nos cuestiona por como imos vestidas ou por como nos comportamos, aí hai unha manada”, salientou Rodil, que convidou ao PP a analizar a súa actuación cando se da por aludido ante esta denuncia.

“Diríalle ao PP que igual debe revisarse por sentirse interpelado cando a portavoz nacional do Bloque di que hai manadas tamén nas institucións, na política e no sistema xudicial”, indicou. En definitiva, “cada vez que se vulneran impunemente os dereitos fundamentais das mulleres vemos que a raíz da violencia machista, de todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres teñen unha raíz profunda e impregna todas as capas e todos os ámbitos da sociedade”, concluíu Rodil.

Con esta campaña, o BNG tamén quere incorporar o espírito de loita e denuncia expresado na manifestación histórica do 8M protagonizada polas mulleres, que volveron tomar as rúas en protesta por unha xustiza “patriarcal e machista”. Difundirá a campaña por todo o país e a través das redes sociais e insta á participación masiva nas manifestacións convocadas para este domingo en diferentes cidades e vilas contra a violencia machista.

Na última década, 45 mulleres foron asasinadas en Galiza, 55.000 presentaron denuncias por maltrato e cada día rexístranse a denuncia de tres violacións. Combater esta violencia sistemática contra as mulleres require decisión política e recursos económicos suficientes. Por iso, entre as propostas do Bloque, destinar o 1% dos orzamentos da Xunta, -100M€ de case 10.000 M€ de presuposto-, a combater a violencia de xénero. “É moito 1 de cada 100 euros cando se trata da vida da metade da poboación?”, interpelaba Rodil.

A formación nacionalista tamén considera urxente “cambios profundos nun sistema xudicial machista, patriarcal e –como estamos a ver estes días-, absolutamente corrompido e dirixido desde atrás polos partidos estatais”. Igualmente, crear unha unidade específica contra a violencia machista na Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista e xulgados de violencia de xénero en todas as cidades.

cartaz_25N_2018

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG