O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá a campaña “Pronúnciate”, dirixida a fomentar a recuperación dos nomes e apelidos na súa forma galega. A iniciativa, impulsada dende a organización, pretende reverter o proceso de castelanización onomástica, que consideran “unha inxustiza histórica” e un reflexo da “substitución lingüística” vivida durante séculos e agravada co franquismo.
Durante a presentación, Lucía López, responsábel de Organización do BNG, destacou que a campaña responde a un contexto de “perda alarmante de falantes” e de “retroceso sen precedentes” no uso social do galego. López sinalou directamente á Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular, á que acusou de tratar a lingua como “un accesorio” e de obstaculizar a súa normalización, tanto no ensino como na administración e mesmo na Unión Europea.
Por outra banda, Sol Agra, responsábel do Grupo de Traballo de Lingua no Consello Nacional do BNG, lembrou a prohibición explícita do uso do galego na onomástica entre 1936 e 1977, algo que ela mesma viviu na súa propia familia: “Miña nai e meu pai non puideron poñerme un nome en galego. Iso estaba prohibido. Agora é posible, pero aínda hai atrancos administrativos, desidia e falta de orgullo que impiden dar o paso”.
A campaña contempla tres eixos: unha vertente informativa aberta á cidadanía, con folletos e material gráfico; unha liña de mobilización interna entre a militancia; e unha proposta institucional para que a Xunta facilite os trámites de galeguización nos rexistros civís e promova campañas públicas que fomenten os nomes galegos entre as novas xeracións.
“Galeguizar o nome e restaurar un apelido é defender a plena normalización do galego a todos os niveis. É dicir con claridade que non renunciamos a existir como pobo con lingua propia”, afirmou Lucía López.
Sol Agra engadiu que moitos apelidos galegos, como Otero ou Feijóo, están “en perigo de extinción” na súa forma orixinal, e animou a que as familias “aproveiten datas como o Nadal” para reflexionar e dar o paso de recuperar a onomástica propia. “Non nos avergoñemos de ser galegos. Exercémolo tamén poñendo o noso nome en galego”, concluíu.
A campaña difundirase durante os próximos meses a través de actos simbólicos, distribución de material informativo e presenza nas redes sociais, co obxectivo último de afondar no “orgullo lingüístico” e na “autoestima colectiva” do pobo galego.