BNG pregúntase de onde vai recortar a Xunta os 34M que deixará de ingresar polo agasallo fiscal a 7.000 ricos

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil recrimina ao Executivo do PP que goberne para “a minoría que máis ten”, mentres as clases traballadoras seguen empobrecendo

Avanza que o Bloque defenderá medidas para unha política fiscal “xusta e progresiva”, nun debate sobre orzamentos que Rueda impón “a cegas”

“De onde vai recortar o PP os 34 millóns de euros que deixarán de ingresar nas arcas públicas polo agasallo fiscal a 7.000 persoas que representan o 0,25% da poboación máis rica deste País?”. Con esta contundencia reprobou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, a medida fiscal anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha medida que, segundo recalcou, demostra que o PP “goberna para unha minoría rica”, mentres as traballadoras e traballadores “sosteñen a sanidade pública, a RISGA ou a educación”, no medio da maior crise de prezos dos últimos 40 anos.

Rodil advertiu que “o agasallo fiscal que o PP lle fai aos seus amigos” supón reducir os recursos públicos para soster a sanidade, a educación, os coidados, as políticas de loita contra a pobreza ou de igualdade de xénero e, neste sentido, apuntou que 34 millóns supón, por exemplo, o orzamento dun ano para a prevención do abandono escolar e é “tres veces máis que o programa de axudas a vítimas de violencia machista”.

“Para que os amigos do PP aforren uns euros, a maior parte das galegas e dos galegos perdemos moito”, alertou, para retar a continuación á Xunta a aclarar “como vai tapar o buraco que deixa ese agasallo fiscal” e onde vai deixar de investir os recursos que deixarán de ingresar nas arcas públicas. “Na sanidade? Vai seguir poñendo contra as cordas a unha Atención Primaria que xa está absolutamente asfixiada? Na educación? Na atención ás persoas maiores?”, cuestionou con severidade.

Segundo recalcou, a política fiscal do PP, lonxe de favorecer ás familias, está “empobrecendo ao conxunto da sociedade galega e especialmente a quen menos ten”, mentres fai que “os máis ricos paguen cada vez menos impostos”. “No medio da maior crise de prezos dos últimos 40 anos, cunha inflación que encareceu a vida da xente ata o punto de que hoxe a barra de pan vale un 30% máis que hai un ano, o gran anuncio do PP na Xunta é baixarlle outro 25% máis o Imposto de Patrimonio a que ten máis de 700.000 euros, sen contar a vivenda habitual, e a quen en conxunto supere os dous millóns de euros”, recriminou.

A deputada nacionalista subliñou que esta política fiscal “non é nova” e “fíxonos perder ao conxunto das galegas e dos galegos nos últimos anos, cos datos da ATRIGA, 1.000 millóns de euros”, cantidade que deixou de ingresar a Xunta polas rebaixas fiscais aplicadas que, segundo recalcou, “casualidade, sempre van dirixidas aos mesmos, aos máis ricos”. Nesta liña, recordou que, ademais do 25% de bonificación no Imposto de Patrimonio para o ano 2023 anunciado agora por Rueda, nos orzamentos que están en vigor “o PP regaloulle ás rendas máis altas, ás situadas entre os 60.000 e os 100.000 euros, 500 euros de rebaixa, baixando a parte autonómica do IRPF”, despois de suprimir o teito específico que gravaba as rendas superiores a 100.000 euros.  

A estratexia do PP en Madrid decide a política da Xunta: baixar impostos aos ricos

Así o explicou Rodil en rolda de prensa previa á sesión plenaria do Parlamento galego que comeza mañá e na que comparecerá o presidente da Xunta para falar dos orzamentos sen que, segundo reprochou, “nin os grupos parlamentarios, nin a cidadanía galega coñezamos en absoluto nin o proxecto de lei, nin os eixos, nin as liñas estratéxicas, nin nada”. “Todo o que coñecemos deste debate a cegas é polos medios de comunicación e pola estratexia do PP en Madrid, que é quen decide a política do PP na Xunta: baixarlle os impostos aos máis ricos”, reprobou.

Neste contexto e fronte ás políticas “para os amigos e para unha minoría rica” do PP, a viceportavoz parlamentaria avanzou que o Bloque defenderá unha política fiscal “que sexa verdadeiramente xusta e progresiva”. Así, apuntou que entre as propostas que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, levará ao debate, atópanse medidas pensadas para o “99% da poboación deste País, que é a que está sufrindo as consecuencias das políticas do PP e da inflación” e que benefician ás maiorías sociais.  

Así pois, avogou por desenvolver unha política fiscal “máis xusta e que sexa progresiva”, primeiro, retirando esa bonificación aos grandes patrimonios, reducir o mínimo exento e introducir unha maior progresividade incrementando os tipos establecidos no Imposto de Patrimonio; e, segundo, aumentando a tributación de forma progresiva para as bases liquidables máis altas no IRPF. “É dicir, que pague máis quen máis ten; que aquelas persoas con maior renda e maior patrimonio acheguen ás arcas públicas maiores recursos para poder en definitiva soster os servizos públicos e as políticas que necesitamos neste País”, afondou.

Tal e como explicou Rodil, o obxectivo último é garantir recursos públicos suficientes que permitan blindar eses servizos e tamén despregar un plan de rescate social fronte á crise, plan de resposta que o BNG tamén defenderá no debate coa mobilización de 1.000 millóns de euros en 2023 a fin de financiar, entre outras accións, un plan de choque de 200 millóns para a Atención Primaria e un plan de rescate dirixido á poboación más vulnerable (incluíndo a recuperación da Tarxeta Básica e o incremento da RISGA e do complemento autonómico das pensións non contributivas) e aos sectores económicos (cun plan de medidas de apoio a sectores estratéxicos, PEMES e persoas autónomas para afrontar a suba dos custos da enerxía, dos combustibles e dos bens básicos). “Fronte a un PP que goberna para uns poucos, para unha minoría rica, dende o BNG imos defender propostas dirixidas ás maiorías sociais e á clase traballadora, que son as que xeran emprego, riqueza e as que garanten ao conxunto das galegas e dos galegos benestar social”, concluíu.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG