BNG pregunta á Comisión Europea que pasos ten dado para evitar outra catástrofe como a do Prestige

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda organizará unha conferencia na Eurocámara sobre seguridade marítima o vindeiro mes de novembro

Preto do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, presentou unha pregunta –a través da coalición da que forma parte o Bloque- dirixida á Comisión Europea na que demanda información sobre os pasos dados polas institucións comunitarias para cumprir a resolución aprobada na Eurocámara para evitar outro verquido como o que asolagou as costas galegas en outono de 2002.

“Vinte anos despois de que unha marea negra asolagara as costas galegas e de que o PP falara de ‘hilillos de plastilina’ temos que preguntar se xa se tomaron as decisións imprescindibles para que este desastre non se volva producir”, manifesta Ana Miranda, quen lembra que en 2002, unha resolución da Eurocámara promovida polo eurodeputado Camilo Nogueira pedía aos Estados membros que garantan “unha aplicación rápida e axeitada dos paquetes Erika de lexislación sobre seguridade marítima” (que leva este nome polo afundimento do petroleiro Erika en decembro de 1999 a 40 millas da costa bretoa francesa).

O documento aprobado daquela tamén consideraba que a Unión Europea “debería revisar o réxime de responsabilidade de todos os responsables do sector marítimo en caso de accidente, en particular no que se refire a súa responsabilidade económica, con obxecto de conseguir unha indemnización total”.

Neste sentido, segundo a portavoz do Bloque en Europa, a decisión do Tribunal de Xustiza da UE pode significar un espaldarazo á reclamación de 855 millóns realizada polo Estado español á aseguradora do Prestige. “Esa indemnización debería repercutir directamente nas zonas máis afectadas polos verquidos para revitalizar a economía e axudar a asentar a poboación”, salienta Miranda, para quen resulta “imperdoable” que o PP rebaixase os obxectivos iniciais da investigación impulsada na Eurocámara sobre o Prestige, ao rexeitar analizar as causas do suceso.

Protexer a costa

Precisamente no marco deste vixésimo aniversario do brutal verquido sobre a costa galega, o BNG organizará na Eurocámara unha xornada de traballo para analizar a situación actual da seguridade marítima que terá lugar no mes de novembro. “Como nación con 1.500 quilómetros de costa e altamente dependente da pesca temos que saber que medidas se tomaron nestes vinte anos para non ter outra marea negra nunca máis”, salienta Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG