O BNG pon como exemplo de conciliación a escola infantil de Ames

Escola infantil Milladoiro
Escola infantil Milladoiro
Ana Pontón aconsella ao goberno galego  “tomar nota” do modelo de conciliación do concello de Ames fronte á propaganda de cheques e políticas natalistas

Na súa visita á Escola Infantil Municipal  da Madalena no Milladoiro, a portavoz do BNG destacou o traballo do BNG no concello a favor das políticas de conciliación e os servizos públicos. Neste sentido, explicou que as iniciativas do BNG propiciaron responder ás demandas das familias a través de escolas infantís e comedores destinando o 20% do orzamento a  educación. Este, recalcou, “é un modelo do que debe tomar nota a Xunta  porque son as receitas que se precisan cara unha alternativa contra a crise demográfica”. A portavoz nacionalista recalcou que a crise demográfica non se resolve con “cheques nin políticas natalistas fracasadas”. Hai que apostar por outro modelo  económico e non penalizar “as mulleres cando deciden ser nais”.

Acompañada polo portavoz municipal, David Santomil, as concelleiras Natividade de Jesús, Escarlata Pampín e o responsable local, Alexandre Espinosa, e tras visitar as  instalacións da escola,  Pontón manifestou que a Xunta debe cambiar o rumbo e apostar por máis escolas infantís, servizos públicos, mellorar os comedores escolares e máis recursos de conciliación ás parellas e persoas soas que deciden ter fillos e fillas.

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG no concello de Ames, David Santomil lembrou que o concello destina o 20% do orzamento municipal ao ámbito educativo reforzando a educación temperá de 0 a 3 anos. Ames, dixo, Santomil é “o concello que máis inviste en comedores e programas de conciliación, máis de 4,5ME que   repercuten de maneira directa na atracción de poboación xove convertendo a Ames  nun  dos concellos  que máis medra no conxunto do estado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG