parlamento galego

BNG pídelle á Xunta que, no canto de queixarse, actúe e responda ao agravio do Estado no reparto dos fondos COVID

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas aféalle ao conselleiro de Facenda a súa “chorada” no Parlamento “porque máis alá do Padornelo non lles deixan facer reivindicacións”

Pide a Feixóo que aproveite as leccións da pandemia: blindar servizos públicos, desenvolver un novo modelo económico e avanzar no autogoberno

A portavoz nacionalista de Economía, Noa Presas, deu a “benvida” ao Goberno galego ás posicións defendidas polo BNG sobre o trato discriminatorio do Estado a Galiza, logo de que o conselleiro de Facenda alertase no Parlamento galego sobre a discriminación no reparto dos fondos COVID e que cifrou na percepción de 660 millóns menos dos que corresponden ao país.

“O problema é que a Xunta non propuxo nin unha soa iniciativa, nin unha soa medida, para responder con contundencia a esta discriminación”, recriminou Presas, despois de afearlle ao titular de Facenda a súa “chorada” durante a súa comparecencia parlamentaria cando o presidente da Xunta nin sequera realiza algún tipo de reclamación neste sentido nas súas reunións con Pedro Sánchez. “Esa é a importancia política que teñen, que máis alá do Padornelo non lles deixan reivindicar esta cuestión”, recalcou.

A portavoz de Economía amosou a disposición do BNG a sentarse, debater e facer unha fronte común na defensa ante este trato discriminatorio no reparto dos fondos COVID, pero lamentou que a apelación do conselleiro neste sentido se limitase a ser simplemente “unha petición de apoio en abstracto”. “Ese é o problema, que vostedes fan como o Estado, tratan a Galiza como unha sucursal e non actúan como goberno de país”, incidiu.

As contas de Economía: “un relato tan ideal como imposible”

Ante as explicacións ofrecidas na Cámara a petición propia polo titular de Economía sobre o gasto ocasionado pola pandemia, Presas criticou o “relato tan ideal como imposible” ofrecido polo conselleiro porque “di que gastaron todo o necesario e ao mesmo tempo ser os máis cumpridores do marco de déficit, aínda que estea suspendido” e, segundo subliñou, “as dúas cousas ao mesmo tempo non son posibles”.

Nesta liña, considerou unha cifra modesta o gasto extra cifrada polo Executivo en 629 millóns para unha crise da dimensión da COVID19 e cuestionou que, ante unha situación extraordinaria, a Xunta tivese tomado medidas extraordinarias como asegura, recordando que tardou oito meses en articular axudas directas a autónomos e autónomas; se limitou a aprazar, que non a exonerar, impostos; e demostrou ser unha Administración bastante insolidaria cos concellos, “que asumiron gastos extraordinarios e -subliñou- vostedes nin colaboraron nin colaboran con eles”. Así mesmo, advertiu de que os capítulos con menor execución son os dedicados ao investimento e entre as seccións con menor nivel de execución se atopen as do Emprego, Industria, Medio Rural ou Mar, eidos todos eles con necesidades urxentes.  

“As contas non dan en ámbitos tan importantes como o sanitario”, afirmou, para explicar a continuación que mentres o Consello de Contas asegura ano tras ano que hai máis gasto do que a Xunta prevé, “é inaudito que agora pretendan convencernos de que nesta pandemia con 270 millóns chegaron para Sanidade”. “Ou ben non gastaron todo o necesario, ou ben conxelaron aspectos importantísimos da Sanidade que non estaban vinculados directamente coa pandemia, como a Atención Primaria, para detraer de aí recursos e facer así este relato de autocomplacencia”, concluíu.

Cambio de modelo e máis autogoberno para afrontar os novos retos postCOVID

A portavoz de Economía tamén se referiu ao nivel de endebedamento da Administración galega que, segundo manifestou, é lóxico que medre nun contexto de crise tan grave como o actual, “pero a cuestión é para que se empregou a débeda anteriormente subscrita e que xa ten hipotecadas as nosas finanzas”, interpelou, logo de advertir que o Executivo de Feixóo xa triplicou a débeda dende que goberna “pero en cambio chegamos a esta pandemia con graves debilidades nos servizos públicos”.

Neste sentido, lamentou que o PP “non teña vontade de aprender lección algunha da pandemia” e desoia a necesidade, como propón o Bloque, dunha reorientación de como se empregan os recursos públicos neste país.

“Hai que reordenar e blindar os servizos públicos, ir a un novo modelo económico respecto dos sistemas produtivos e tamén dar un paso adiante no autogoberno e na soberanía financeira deste país”, propuxo, para a continuación instar á Xunta a deixar de lado “as declaracións artificiosas” e tomar en serio as negociacións dun novo sistema de financiamento, tomar posición respecto das modificacións fiscais e abordar tamén un novo marco fiscal, dentro dos ámbitos que si son da súa competencia.

“Así será como poderemos ter máis recursos e afrontar os novos retos derivados desta pandemia e que non acaban nin en 2020 nin en 2021”, concluíu. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG