BNG pídelle ao PP que non bloquee coa maioría a comisión de investigación sobre Altri: “Se nada teme, nada ten que ocultar”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil, tralo fallo do TSXG sobre a desprotección ilegal da Serra do Careón: “É gravísimo usar un goberno para vulnerar a lei e favorecer así a Altri”

A deputada confía no apoio do Parlamento á declaración institucional que presentou o BNG para condenar a agresión ilegal de USA e Israel en Irán

Exixe ao PP que “volva ao rego” do consenso e do respecto á democracia e ao pluralismo e acepte a proposta do BNG a adxunto á Valedoría.

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, pediulle ao PP que recapacite e non bloquee, utilizando o rodete da maioría absoluta neste Pleno,  a creación dunha comisión de investigación para ter acceso á información pública e coñecer a verdade sobre o proxecto de Altri. “Se non hai nada que ocultar, se nada teme, que medo ten a que esta comisión de investigación se constitúa?, preguntou.

“Hai máis que razóns para que o Parlamento de Galiza constitúa unha comisión de investigación que poña luz onde o PP  só quere sombra”, expresou Rodil, que pediu que se esclareza o que aconteceu ao longo de todo o proceso de tramitación porque “está trufado e inzado de irregularidades desde o primeiro minuto”. 

Unha comisión, engadiu, para “depurar e asumir” responsabilidades políticas sobre este “atropelo”, despois de que, “como colofón”, se coñecese a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que declara “ilegal” a desprotección da Serra do Careón —terreos de amortecemento da rede Natura — por parte da Xunta de Galiza para que Altri obtivese a declaración de impacto ambiental favorable. 

“É gravísimo que o PP, que ten a obriga de velar porque se cumpra a lexislación e polo interese xeral da cidadanía e do territorio, utilice o goberno para vulnerar a lei sabendo que a estaban vulnerando única e exclusivamente para blindar os intereses empresariais da macrocelulosa”. “Iso é un delito en si mesmo”, criticou.

Rodil quixo lembrar que o BNG pediu ata en tres ocasións acceso á documentación do “acordo secreto” asinado entre a Xunta —a través da Sociedade Impulsa— e a pasteira en outubro de 2021. Un memorando de entendemento que, segundo a propia empresa, contiña unha serie condicións previas que o Goberno galego debía acometer para levar a cabo o proxecto. O BNG quere saber “que condicións eran esas, que compromisos adquiriu a Xunta con Altri nese acordo secreto e que contrapartidas asumiu o Goberno galego coa empresa portuguesa”, explicou a deputada nacionalista.

“Os galegos e galegas merecemos coñecer a verdade e por iso agardamos que todas as forzas políticas apoien esta comisión de investigación”, incidiu.

Condena á guerra ilegal en Oriente Próximo

Noutra orde de cousas, a viceportavoz emprazou o resto de grupos con representación no Parlamento a apoiar a declaración institucional presentada polo BNG para condenar a guerra ilegal iniciada por Estados Unidos e Israel en Oriente Próximo. Nos mesmos termos que adiantou xa o pasado xoves a propia Rodil, trátase de “encher de contido o non á guerra”, condenando unha “agresión ilegal, que viola o dereito internacional e a Carta das Nacións Unidas e que supón unha ameaza para a paz e a seguridade internacionais”. 

Unha agresión ilegal, subliñou, que non é un “feito illado” senón que hai que enmarcar na “política imperialista” dos Estados Unidos e os seus aliados, “os mesmos que  bombardearon case unha ducia de países en catro continentes en pouco máis de un ano, que secuestraron un presidente como o de Venezuela ou que levan cometendo o xenocidio contra o pobo palestino desde hai anos”, detallou. 

Diante da política de agresión que “fai saltar polos aires a orde internacional baseada nas normas e pretende impoñer a lei do máis forte”, a declaración trasladada polo BNG inclúe a condena firme á agresión militar e á política criminal de EEUU e os seus aliados, así como un chamamento á comunidade internacional, especialmente á UE, ao Estado español e á Xunta, para que adopten medidas concretas para frear a escalada bélica e para defender o respecto ao dereito de todos os pobos a exercer sen inxerencias a súa soberanía, para a recuperación do diálogo e para a solución pola vía diplomática e política dos conflitos.

Como terceiro punto, a declaración nacionalista inclúe o rexeitamento “con firmeza” ás amezas de Trump e a demanda ao Goberno de España a poñer fin de maneira definitiva á presenza militar norteamericana en territorio español, á utilización do territorio galego como base de infraestruturas e actividades da OTAN e á pertenza a esta organización. 

O BNG avoga así mesmo, como cuarto punto da declaración, pola oposición ao envío por parte do Goberno español de medios e material de guerra á zona de conflito. 

“Catro puntos claros de defensa da paz, da seguridade e do dereito internacional”, resumiu Rodil, que avanzou que o BNG traballa xa na presentación de iniciativas para reclamar tanto á Xunta como ao Goberno do Estado de axudas ás familias a aos sectores máis afectados pola suba de prezos, sobre todo nos combustibles, como consecuencia da guerra.

Volver ao rego do consenso

En resposta aos xornalistas, a viceportavoz nacionalista no Parlamento quixo deixar claro que o Bloque vai manter a candidatura de Fernando de Abel Vilela para o posto de adxunto á Valedoría do Pobo, que se vai votar o próximo venres na Comisión de Peticións. “É unha persoa cunha traxectoria académica, profesional e social intachable”, subliñou Rodil, emprazando máis unha vez ao PP a recapacitar e volver “ao rego do consenso e do respecto á democracia e ao pluralismo”. 

“É innegable que o PP ten maioría absoluta, pero os galegos e as galegas non lle deron un poder absolutista e ten que respectar o pluralismo”, salientou, ao tempo que advertiu que o veto político a De Abel supón  “facer saltar polo aires os consensos democráticos” e o pluralismo representado no medio millón de cidadáns que votaron ao BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG