BNG pide á Xunta que inclúa nos orzamentos de 2023 3,5 millóns para a rexeneración ambiental da Xunqueira do Alba

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará urxe ao Executivo galego a demoler as instalacións coas que “okupa” ilegalmente o espazo protexido e a proceder á súa recuperación  

BNG propuxo á Xunta no Parlamento que inclúa nos orzamentos de 2023 unha partida de 3,5 millóns de euros para a rexeneración ambiental da Xunqueira do Alba, un Espazo Natural de Interese Local promovido polo Concello de Pontevedra e declarado como tal pola Consellería de Medio Ambiente e que ademais vén de ser incluído no borrador da Estratexia de Infraestrutura Verde como área prioritaria de actuación para a súa rexeneración.

Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Medio Ambiente, o deputado nacionalista Luís Bará emprazou ao Executivo galego a incluír esta partida orzamentaria, para o seu desenvolvemento no bienio 2023-2024, co obxectivo de demoler as instalacións que actualmente ten alí “ilegalmente” e proceder á rexeneración dos terreos.

“A Xunta mais o Estado son literalmente okupas, porque están ocupando ilegalmente o dominio público marítimo-terrestre sen ter ningunha concesión nin ningunha autorización, algo que constitúe unha aberración administrativa e un feito gravísimo”, recriminou logo de recalcar que o propio Goberno estatal confirmou en resposta a unha pregunta do BNG en marzo que na Xunqueira de Alba non existe ningunha concesión vixente”.

Bará explicou que a Administración galega mantén ilegalmente neste espazo protexido diversas instalacións con vehículos e maquinaria tanto da Consellería do Medio Rural como da Axencia Galega de Infraestruturas que ocupan unha extensión de máis de 20.000 metros cadrados o que, ademais da constituír unha ocupación ilegal, provoca un impacto evidente sobre unha zona de importante valor natural.

Así pois, lanzou esta proposta de actuación para que o Goberno do PP, “o da infraestrutura gris”, siga o exemplo da Deputación de Pontevedra, “a da infraestrutura verde”, que está a desenvolver un ambicioso proxecto cun investimento de 3,6 millóns de euros para trasladar as instalacións que tiña alí dende épocas anteriores “onde non había sensibilidade medioambiental” e vai comezar en breve as obras para a rexeneración destes terreos coa construción dunha gran zona verde de máis de 16.000 metros cadrados.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG