Ante os feitos ocorridos onte en Cangas, o BNG pide ao presidente da Xunta e presidente do PPdeG que condene a violencia instigada desde as filas populares contra os cargos públicos electos nos concellos de Moaña, Cangas e Bueu, incluído as alcaldesas e alcalde destes municipios, que mesmo tiveron que ser protexidos polas forzas de seguridade contra a violencia física e verbal exercida por un grupo minoritario de manifestantes que, arengados por concelleiros e concelleiras do Partido Popular, converteron unha protesta lexítima nun ataque violento contra cargos públicos.
As alcaldesas Leticia Santos (Moaña), Araceli Gestido (Cangas) e o rexedor Felix Juncal (Bueu) formaron parte da reunión celebrada pola asemblea da Macomunidade na que se abordaba a subida da taxa do lixo, tras dezasete anos conxelada, unha reunión que xa viña precedida por unha campaña previa do Partido Popular co único obxectivo de encrespar os ánimos da veciñanza.
O BNG considera absolutamente lexítimo que a cidadanía proteste para mostrar a súa discrepancia con decisións dos seus gobernos municipais, pero en ningún caso está xustificado o uso da violencia, como a exercida por un grupo minoritario de persoas, entre elas concelleiros e concelleiras do PP, violencia pola que cargos elixidos democraticamente nas urnas foron apedreados e insultados, e soportaron unha situación de secuestro na que tiveron que ser escoltados e protexidos polas forzas de seguridade.
Neste sentido, como máximo responsable do Partido Popular en Galiza, Rueda debe condenar de inmediato esta violencia e mandar parar a campaña de acoso emprendida coa complicidade e alento do PP, ou estará apoiando unha maneira de facer política que atenta directamente contra a democracia.
Debe haber unha condena expresa por parte do presidente da Xunta para non ser cómplice dun comportamento violento e antidemocrático co que o Partido Popular intenta desestabilizar gobernos do BNG elixidos nas urnas.