BNG pide un Plan de Xestión para controlar o censo do xabaril e impedir a transmisión de enfermidades e danos nos cultivos

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas criticou a utilización de  informes de danos para censar a poboación do xabaril, a pesar de que moitos deles quedaron sen denunciar por dificultades técnicas da propia consellería de Medio Ambiente

O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas preguntou ao goberno polo balance de resultados, tras a "emerxencia cinexética" decretada en outubro de 2019 e con que base científica está a ser elaborado o censo da poboación do xabaril. Neste sentido, lembrou que para que o censo son utilizados  informes e denuncias dos danos pero en moitas ocasións, “as dificultades técnicas fan imposible dar parte dos mesmos”.

Por outra banda, tamén preguntou cando se porá en marcha un protocolo de bioseguridade para planificar “con tempo, de maneira organizada e en contacto permanente con tódolos axentes implicados, para facer fronte a un escenario previo de chegada da peste porcina africana”.

O deputado alertou dos danos do xabaril nas explotacións e urxiu a Medio Ambiente a tomar medidas contra a propagación de doenzas aos animais. A Comisión europea, explicou o nacionalista, subliñou que a transmisión da tuberculose bovina aos animais domésticos polas especies de caza, especialmente polo xabaril, constitúe un atraso no custo e na efectividade dos programas de erradicación da tuberculose ademais dos considerables danos que ocasiona aos gandeiros.

O PP non responde sobre o orzamento para axudas en período electoral

Para o deputado, o Partido popular continua cunha política “errática e ineficaz” ante o medre desmesurado da poboación do xabaril e os danos que causa nas explotacións e lembrou que o Partido popular minimizou tanto o problema que mesmo deixou de convocar axudas. Esta circunstancia, dixo, causou un grande malestar entre os gandeiros e o PP respondeu, “en ano electoral”, cunha orde de axudas para a fauna salvaxe. Nesta liña, preguntou  a canto ascendeu o orzamento para cubrir  peticións que estaban denegadas por esgotamento da partida e lamentou,  unha vez máis, “a falta de resposta” por parte da directora Xeral de Patrimonio Natural , Belén Do Campo.

O BNG reclama un Plan de xestión para controlar o xabaril

Xosé Luís Rivas (Mini) volveu a reclamar un Plan de Xestión, “consensuado, con censos,  estudos de comportamentos, hábitos, estratexias de defensa e adaptación da especie e métodos de control da mesma” porque durante estes anos, repetiu, tivemos “moita propaganda” pero seguimos carecendo dun Plan  de Xestión.

Hai gandeiros, explicou o nacionalista, que están mudando de forraxe abandonando o millo por outras alternativas ou simplemente deixando de botalo porque non lles compensan os gastos e  a dotación orzamentaria das axudas non chegou a nada e houbo que incrementala, reiterou, descoñecemos con que orzamento porque foi en “plena campaña electoral” e non se informou da cantidade.

“Falar de cercado de fincas con valados e pastores eléctricos coma solución preventiva ao problema é descoñecer  a realidade do agro e gandaría do noso país pola “dispersión das parcelas, polo número delas e pola forza, maña e teimosía que amosan estes animais”. Esta problemática, insistiu o deputado, non se resolve só a través de axudas, hai que enfrontala con medidas preventivas contra os danos nos cultivos e a ameaza de problemas sanitarios.

Precisamos non perder máis tempo e aprobar xa “un Plan de Xestión e de bioseguridade do xabaril” que permita ter diagnósticos anticipados do estado da poboación, tanto a efectos de control de tamaño e efectivos, como detención precoz de carga vírica da peste porcina, e a posible identificación de áreas infectadas cun protocolo de actuacións e coordinación dos 5 diferentes axentes implicados , “Tecores, veterinarios e veterinarias , granxas, e a autoridades medioambientais”, ao que sumou campañas informativas e de sensibilización sobre como actuar cos xabarís cazados durante as sesións de controis de poboación
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG