BNG pide a Medio Rural que tome as rendas do conflito do leite

Mini Rivas
Mini Rivas

Mini Rivas insta á Xunta a convocar á industria, produtores e empresas de distribución para negociar prezos xustos

Acusa ao goberno de ser “refén” da industria e distribuidoras en pago á colaboración económica destas empresas nas campañas electorais do Partido popular 

 

O portavoz de agricultura e gandaría do BNG, Xose Luís Rivas (Mini) interpelou ao conselleiro de Medio Rural, José González ante o conflito so sector lácteo polos altos custes de produción que non van acompañados de prezos xustos  na posterior venda do leite á industria.

Neste sentido, Mini propuxo a Medio Rural tomar  a iniciativa de sentar na mesma mesa a todos os representantes da cadea de produción e obtención do leite e os seus derivados. A xuízo, do nacionalista, debe ser iniciada unha negociación entre, produtores e produtoras, Cooperativas, Industria e de maneira especial “a distribución”.

Por outra parte, na interpelación ao titular de Medio Rural, o nacionalista tamén reclamou demandar do Goberno do Estado “fixar uns custes de produción de referencia vinculantes e obrigatorios” na Lei da Cadea Alimentaria.

Na súa intervención, insistiu en que “só os protagonistas poden promover un posible acordo para saír da crise” pero a Xunta, afirmou, non pode permanecer “quieta e impasible” e  seguir coa teima de  “desacreditar ás organizacións sindicais agrarias polas mobilizacións”.

No debate da interpelación, o parlamentario aludiu  á proposición non de lei do PP debatida minutos antes en aras de acadar un acordo ante o conflito do sector lácteo, proposta que na súa opinión só respondía a unha declaración de intencións porque a Conta láctea non establecerá custes de produción e polo tanto “nin ten credibilidade nin é fiable”.

Rivas criticou a inacción do goberno do Partido popular, durante 12 anos para intermediar. “Non convocou a Mesa do Leite e mantén xuntanzas por separado pero descoñecemos con que contidos”, subliñou.

Para o deputado do BNG, O PP  tenta substituír ás organización sindicais por Organización de Produtores lácteos e por iso, dixo, “buscan  o apoio deste Parlamento  para promocionar  produtos lácteos galegos incidindo na seguridade alimentaria, o benestar animal das nosas explotacións pero  todo en maos de capital foráneo”.           

O deputado fixo unha chamada á unidade do sector nuns mínimos a conquistar porque  os custes de produción soben e polo tanto, debe subir o prezo final e reverter polo menos un 60% da suba no primeiro. Mini criticou que “boa parte da Industria de Transformación” opere baixo control francés dende hai décadas.

O PP refén dos intereses da industria e distribución do leite  

A crise do sector  polo  incremento dos prezos da solla, colza ou fariña de millo que pasaron de 55 céntimos  a 85, a subida do recibo da luz en máis do 50% ademais do gasóleo agrícola reducen  “a escasa marxe” das explotacións leiteiras. “Todos estes elementos  condicionan o 60%  dos custes de produción que se moven nunha forquilla   de 30 a 40 céntimos polo que cun incremento dun 30% destes custes temos o litro de leite entre 5 e 8 céntimos  máis caro”, explicou.

Tras a resposta do conselleiro de Medio Rural, o deputado do BNG lamentou que , unha vez máis, o goberno non presente ningunha alternativa ao conflito dun sector estratéxico para conxunto de Galiza e cun  “futuro incerto” e  igual que fixera no debate da proposición non de lei do PP defendida pola popular, Elena Candia acusou ao goberno de ser “refén” dos intereses da industria e distribución, “non se sabe moi ben  porque motivos” pero resulta evidente que o Goberno non quere “disgustar” a estas empresas, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG