BNG pide explicacións á Ministra de Transportes polo plan de supresión de paradas de autobús na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego rexistra a solicitude de comparecencia da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, no Congreso para que explique a nova proposta que suprime as paradas de até 23 vilas e concellos galegos.

O BNG exixe a rectificación do MITMA para garantir o dereito das 136.000 persoas do rural que quedarían sen o servizo de autobús interautonómico

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, vén de rexistrar a solicitude de comparecencia da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, para que explique a nova proposta de mapa de corredores e de liñas de autobuses do Estado, que suporá deixar sen parada de autobús en percorridos interautonómicos a 23 vilas galegas e a unha poboación de case 136.000 persoas. O deputado urxe a rectificación do MITMA para garantir o dereito das e dos cidadáns do medio rural a acceder á mobilidade en condicións de igualdade, ademais de ser unha medida que promove o uso do vehículo particular.

O novo mapa concesional das liñas de autobuses de competencia estatal, presentado polo MITMA a finais do mes de abril, supón menos paradas e menos rutas e, polo tanto, un recorte dos servizos ofrecidos polo Goberno do Estado. Segundo as fontes oficiais do Ministerio, o actual mapa debe ser recortado por razóns económicas e facer roteiros máis rendíbeis.

“No novo mapa presentado, de non rectificar a súa decisión, desaparecerán as paradas de 23 vilas e concellos na Galiza nos percorridos interautonómicos” denuncia o deputado do BNG. Entre os concellos afectados atopamos A Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada, Quiroga, Allariz, Ribadavia, Trasmiras, Riós, A Mezquita, Silleda, Lalín, Forcarei, O Porriño, Tui, Arzúa e Melide. “Estes recortes afectarían a unha poboación que se aproxima a 136.000 persoas” subliña Rego mentres apunta a que o novo plan só inclúe unha nova parada, en Sanxenxo, mais só para a súa conexión con Madrid.

“Reclamamos que a ministra Raquel Sánchez compareza na comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Congreso para que explique a nova proposta de mapa de corredores e de liñas de autobuses do Estado” destaca Rego. Así mesmo, avanza que durante a comparecencia, a organización nacionalista demandará a paralización do novo plan. “Estas liñas de autobús, ademáis da conexión exterior da Galiza, serven tamén para comunicar as distintas vilas do percorrido, por iso mantelas é especialmente importante nas zonas rurais e do interior, pois é a única alternativa, en moitos casos, de transporte público”.

A eliminación de paradas de autobuses súmase, nalgunhas zonas, aos recortes de servizos ferroviarios ou ao feito de non contar con servizos de tren. “De levarse a cabo, fraco favor fará o Ministerio ás áreas que máis sofren o despoboamento ao minguarlle os servizos en mobilidade. Sería desexábel que o Ministerio  reformulase estas formulacións e priorizase o mantemento de servizos de mobilidade como servizos públicos esenciais” destaca.

“Demandamos do Goberno a retirada desta proposta de recorte” enfatiza Rego. “O deseño da mobilidade non pode rexerse unicamente por criterios de rendabilidade económica e decidir así a supresión de paradas de autobús, senón que debe primar o ben común e asegurar servizos públicos aos habitantes” conclúe o deputado nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG