BNG pide a Conde que deseñe un plan industrial con prazos para impedir a liquidación da fábrica Alu Ibérica na Coruña

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández exixiu ao conselleiro de Economía  un “compromiso real” cos traballadores e traballadoras e que exerza as súas competencias  no ámbito industrial

Afirmou que Galiza perdeu entre  2010 e 2019 o 14% da taxa de produción industrial e responsabilizou ao goberno galego do  “brutal proceso de desindustrialización”  

Nunha pregunta ao goberno, o parlamentario do BNG, Ramón Fernández, (Mon) afirmou que o proxecto do Partido popular para garantir o dereito a traballar é un proxecto fracasado que debe  ser “rectificado” porque “non funciona”. O deputado reclamou unha “aposta real pola industria e un  plan para salvar a fábrica de Alcoa A Coruña, hoxe Alu Ibérica”. Neste sentido,  cominou ao conselleiro de Economía, Francisco Conde a aproveitar o trámite dos orzamentos e a emenda que o BNG presentará  para abordar unha solución integral para a fabrica.

A xuízo do deputado, “a consellaría de Economía carece dun plan” para rescatar Alu Ibérica e lembrou que entre os anos 2010 e 2019, Galiza perdeu  o 14% da taxa de produción industrial.

Tras a intervención do conselleiro Conde que desviou o foco da pregunta do BNG para responsabilizar ao goberno do Estado da desindustrialización en Galiza, Mon Fernández  respondeu que o  titular de Economía ten a obriga de “dar explicacións no Parlamento galego” e comprometerse cos traballadores e traballadoras da fábrica Alu Ibérica. O deputado nacionalista recoñeceu que os altos prezos da electricidade dificultan  ás alternativas para a industria pero hai tres anos que comezou o “particular vía crucis” dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica. Tres anos loitando para preservar a actividade industrial do aluminio un sector  estratéxico para o Estado español e Galiza porque a  fábrica da Coruña xunto a de  Avilés en Asturias producían o 80%. A construción, engadiu, cada vez demanda máis aluminio e agora dependen dos mercados internacionais e da importación. A fábrica da Coruña ocupou a 600 persoas, entre principal e auxiliares e advertiu que  existen potentes grupos industriais, como Cortizo ou Extrugasa, demandantes do produto que fabricaban na Coruña.

“Tres anos, leva o persoal da fábrica da Coruña, de mobilización permanente, zarandeados por diferentes empresas, por dous gobernos diferentes no  estado ,pola Xunta, e mesmo pola policía” e practicamente abandonado e condenados a presenciar o desmantelamento  da fábrica, mentres os gobernos, que debían ser garantes do emprego e da actividade industrial, “miran para outro lado” e se desentenden de todo, recalcou o nacionalista.

Con data 22 de outubro o actual administrador xudicial dirixiuse ao Comité de empresa para informalos da súa intención de realizar un ERTE por dúas razóns principais: a imposibilidade de  ocupación efectiva e o pago de nóminas e de feito xa lles deben máis de unha mensualidade de salario. Estas razóns levaron a este administrador xudicial a solicitar o pre-concurso de acredores no xulgado mercantil da Coruña.

Descoñecemos a actitude que adoptarán ante estas actuacións os administradores sociais desprazados,  representantes do Grupo Riesgo, pero con todas as  cautelas e asumindo que os prazos habituais poden prolongarse debido a esta anómala situación, o certo é que “a fábrica vai camiño da liquidación”.

Señor Vicepresidente, un goberno galego que responda a esa confianza do electorado da que tanto presumen, un goberno galego responsábel, un goberno galego preocupado pola produción industrial do país, preocupado polo emprego, neste contexto de crise, preocupado porque a Comarca da Coruña non se reduza a un monocultivo de INDITEX, estará xa, a estas alturas, ocupado preparando unha alternativa para evitar o peche da fábrica cun plan industrial, preguntou Mon. A situación é crítica e os traballadores e traballadoras precisan coñecer os detalles dese plan industrial para salvar a actividade e o emprego da fábrica de ALCOA na Coruña. “Explíquenos tamén os prazos que manexa a Xunta, porque dadas as circunstancias, a boa xestión dos tempos e os prazos van ser fundamentais”.

O deputado do BNG lamentou que unha vez máis, o vicepresidente e conselleiro de economía, Francisco Conde eludira responder ás cuestións referidas ao  deseño do plan e  prazos para salvar a fábrica Alú Ibérica.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG