parlamento galego

BNG pide un compromiso ao goberno para arranxar, o antes posible, as deficiencias nas instalacións dos centros da Gándara e da Solaina no concello de Narón

Mon Fernández
Mon Fernández
Ramón  Fernández Alfonzo propuxo a Román Rodríguez  manter unha reunión coas direccións dos centros de ensino afectados  para fixar un calendario das obras e lamentou que o conselleiro eludira comprometerse

O deputado do BNG, Ramón Fernández Alfonzo preguntou ao conselleiro de Educación polas previsións do seu departamento para resolver, o antes posible, as deficiencias nas instalacións dos centros  de ensino do concello de Narón, da Gándara e da Solaina que “precisan de atención urxente” por parte da Xunta de Galiza.

O nacionalista sinalou que “os problemas son graves” entre os que destacou: xanelas deterioradas que permiten a entrada de auga e vento, calefacción que non funciona con pingueiras na liña de tubos e graves afectacións nos patios, comedores e tellados. “ Nos coles da Gándara e da Solaina chove dentro do centro”. E non é que pase auga nun único sitio en particular, non. Hai pingueiras importantes en diferentes  aulas, oficinas, e corredores”, que implican un grave risco para o alumnado de infantil e primaria e o  profesorado, remarcou.

En ambos casos, explicou o deputado do BNG, os centros  da Gándara e da Solaina xa transmitiron estas deficiencias á Xunta e non entendemos, dixo, como a día de hoxe por parte do goberno non se produciu “ningún compromiso” nin convocatoria para manter unha reunión cos afectados.

Aínda que sabemos que non son casos exclusivos, de feito, no mesmo Concello de Narón poderiamos dicir practicamente o mesmo do cole Virxe do Mar, ou poderiamos falar da falta de ascensor no Cole do Feal que a nai e o pai dun neno de 6 anos, Xavi, veñen de denunciar ante a valedora do Pobo, porque Xavi non pode subir escaleiras e non pode acceder ao primeiro andar onde están situadas as aulas de primaria, a que lle corresponde, o que obrigou á dirección do centro a reorganizar espazos para que unha das aulas de primaria se imparta no baixo do centro.

A valedora do pobo respondeu  que a Consellaría debería ter instalado o ascensor antes do 2017, por obriga do RDLex 1/2013, e que confía, segundo lle indican da propia consellaría  que durante o ano 2023 se licite o proxecto para instalar o ascensor.

Permita que desde aquí mandemos un saúdo moi afectuoso a Xavi e á súa familia, e darlle moitos ánimos porque  estamos seguros de que cando se recupere vai ser un máquina en atletismo, augurou o nacionalista.

Estas deficiencias, insistiu Mon Fernández,  deberían  estar atendidas hai xa moito tempo e  evidencian que o slogan  de que “o PP fai máis con menos, como lle gusta dicir ao Presidente Rueda, é unha gran mentira”.

O deputado do BNG volveu a demandar á Consellería de Educación  unha reunión   coas direccións dos centros afectados co fin de marcar e un calendario para comezar as obras.

Tras a intervención do conselleiro Román Rodríguez, o parlamentario do BNG lamentou que unha vez máis, o PP volva a responder con xeneralidades e escusas  e ningún compromiso real para resolver os graves problemas dos centros de ensino mencionados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG