BNG pide unha comisión que investigue o bum eólico depredador do PP

Ana Pontón diante da Xunta
Ana Pontón diante da Xunta

Cita o DOG para cifrar en 1.600 M€ o que ás eléctricas debían abonar por proxectos industriais non executados vinculados a adxudicación de MWh

Pontón: “Lamentablemente en San Caetano non temos un goberno de Galiza senón unha xestoría que traballa para o lobby eléctrico”

Os 11,7 M€ perdoados a Greenalia son só a punta do iceberg, alega o BNG

O BNG denunciou ante a sede da Xunta que o Goberno do PP non só auspicia un boom eólico depredador vendendo Galiza a prezo de saldo ás eléctricas, senón que actúa con total opacidade e escurantismo, negando información ao Parlamento pese as reiteradas peticións do Bloque, que reclama explicacións sobre os centos de millóns de euros que as eléctricas debían abonar como compensación por non executar os plans industriais vinculados a adxudicación de parques eólicos.

A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou que, lamentablemente, en San Caetano máis que un goberno que defenda Galiza, hai unha xestoría que traballa para ás eléctricas.

“O Goberno do PP está traballando para as eléctricas e en contra dos intereses dos e das galegas, e por se fose pouco, está perdoando ás empresas adxudicatarias de parques eólicos o desenvolvemento dos proxectos industriais vinculados a esas adxudicacións ou, no seu defecto, a súa monetarización”, denunciou, como o caso destapado por ADEGA con Greenalia, á empresa na que se recolocou a ex conselleira do PP, Beatriz Mato, e á que a Xunta lle eximiu de pagar 11,7 M€.

O Bloque está convencido de que este caso, -exemplo perfecto de portas xiratorias-, “é só a punta do iceberg”. De feito, moitas das empresas adxudicatarias de megavatios no concurso eólico de 2010 non levaron a cabo os plans industrias comprometidos, polo que tiñan que abonar unha compensación económica ás arcas públicas que, segundo recolle o DOG, ascendería a 1.600 millóns de euros.

Neste contexto,  o BNG vai solicitar unha comisión parlamentaria de investigación sobre o boom eólico, sobre o porqué se lle oculte información aos galegos e galegas e sobre as razóns polas que se lles está perdoando ás eléctricas o pago de indemnizacións que tiñan que ir ao erario público por non desenvolver plans industriais aos que se comprometeron, anunciou Pontón.

A proposta dunha comisión parlamentaria de investigación formúlase ante a total opacidade do PP e a súa contumaz negativa a todas as solicitudes de información formuladas polo BNG, a través do artigo 9 do regulamente da Cámara;  pola vía de preguntas ao Goberno en pleno  ou a través de diversas iniciativas parlamentarias.  “É gravísimo que se lle esta regalando diñeiro a mans cheas ás empresas eléctricas e por riba se tome polo pito do sereno ao Parlamento agochando documentación que ten obriga de aportar.  É evidente que o PP ten moito que ocultar e que está traballado a favor das eléctricas e en contra do interese de Galiza”, alega.

A líder do Bloque denuncia que a barra libre ao espolio eólico, “forma parte dunha auténtica estafa colectiva a este País, o PP está traballando para as eléctricas cun boom eólico depredador, en moitos casos con lexislación a medida e incumprindo a lei. Máis alá das responsabilidades penais, que debe dirimir a Xustiza, hai que esixir responsabilidades políticas no Parlamento, e o BNG non vai permitir este atropelo”, conclúe.

Diante da entrada principal da Xunta, a líder nacionalista lamentou que detrás do enreixado de San Caetano non estivese a sede do Goberno galego, “senón unha xestoría ao servizo das eléctricas e a un presidente que lles coloca alfombra vermella favorecendo o espolio eólico do País”.

“O PP traballa para as eléctricas cunha lexislación ad hoc, traballa para as eléctricas cando paraliza a rede natura, -pese a estar moi por debaixo da media estatal-, para facilitar a instalación de parques eólicos; traballa para as eléctricas cando vemos que se aproban proxectos que son anulados ou paralizados pola xustiza e traballa para as eléctricas cando vemos como dun xeito acelerado e con opacidade se da barra libre ao espolio eólico aprobado un aluvión de parques”, concluíu a  portavoz nacional.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG