BNG pide a Axencia Galega das Industrias Culturais, (AGADIC) que non deixe morrer a Filmoteca de Galiza e o patrimonio audiovisual galego

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas afirma que o único proxecto estratéxico do PP para a   Filmoteca galega, é o “seu lento declive” e urxe ao director de AGADIC  a  non ir “cara atrás” para non seguir perdendo patrimonio cultural, educativo e documental

A portavoz de Cultura do O BNG, Mercedes Queixas urxiu a director de AGADIC, Jacobo Sutil a non seguir “perdendo o tempo” e sobre todo,  impedir “o lento declive” da Filmoteca de Galiza provocado pola “inacción do Goberno galego”.

A deputada do BNG lamentou que o responsable das Industrias culturais da Xunta, eludira responder ás cuestións formuladas entre as que destacou a “ausencia da Filmoteca de Galiza” na  xornada organizada polo Consello da Cultura Galega sobre  “Filmotecas e patrimonio audiovisual. As institucións do futuro. Repensar as institucións culturais desde o paradigma da sustentabilidade”.

Esta xornada explicou Queixas,  abordaba o  futuro pero “a nosa  filmoteca nacional non estaba no programa”, sen embargo estaban presentes os directores e directoras das filmotecas de Cataluña, de España, mais Galiza, recalcou, “non estaba presente, se cadra porque a nosa filmoteca non ten director/a nin ninguén que mire por ela desde a xestión política”.

Queixas lembrou que a situación da filmoteca galega foi motivo de diversas iniciativas presentadas polo BNG como as preguntas rexistradas o 18 de marzo ante a  preocupación polo “inmobilismo” do goberno en relación ao CGAI, agora denominado Filmoteca de Galicia.

O tempo corre e a súa  súa inacción “custa tempo e cartos, coñecemento, e xeración e transferencia de coñecemento”. Manteñen a Filmoteca nacional galega como  lugar pechado, “inaccesíbel ao público e sen proxecto e dirección”. A falta de  dirección, proxecto,  recursos humanos  e profesionais imposibilitan  transmitir o legado do arquivo histórico fotográfico e da filmoteca como parte da educación cultural, remarcou a nacionalista.

Sen director, cadro de persoal minguado e acceso pechado á biblioteca e mediateca

Na súa intervención, Mercedes Queixas explicou que tras un ano aínda non remataron as obras de reforma da sala de proxeccións e a sala de exhibición que afectaron   á programación habitual e a momentos importantes como a celebración do festival S8 e cualificou de  “inexplicábel” o remate da actividade da  Filmoteca, o 6 de outubro de 2021 e o inicio das  obras a finais de decembro: “3 meses perdidos de actividade e  9 meses clausurada”.

Por outra parte, “nada se sabe da reposición da praza de dirección” cando no mes de  marzo de 2021 segundo  propio  conselleiro era “inminente”. Nada se sabe da recuperación do cadro de persoal (minguado nun 60%). Nada se sabe do acceso aberto e público á biblioteca nin á mediateca, sen persoa responsábel ao cargo desde 2013. Quen a atende?. Nada se sabe da divulgación dos fondos a través da dixitalización.

Vostedes, recalcou a deputada do BNG insisten no “declive da filmoteca” que xa está “no peor momento da súa historia”, abandonen o seu inmobilismo e non permitan o desmantelamento das unidades de produción, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG