parlamento galego

BNG pide avanzar na concentración parcelaria no concello de Agolada e o PP vota en contra

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas afirma que o “minifundismo en Galiza non é un atranco, é unha oportunidade”

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas lamentou que o Partido popular sega poñendo obstáculos para avanzar nos procesos de concentración  parcelaria no concello de Agolada.

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas explicou que sete das oito parroquias, incluídas nos proxectos de concentración parcelaria, son ribeireñas do río Ulla e  con  alta capacidade produtiva. Nestas condicións, dixo tamén se atopan as parroquias de Brocos e Sesto pendentes de  iniciar o proceso.

Para o deputado, “o minifundismo en Galiza non é un atranco, é unha oportunidade” de aí a necesidade de axilizar os procesos de concentración parcelaria e a potencialidade das terras e  criticou que o conselleiro de Medio Rural, José  González Vázquez,  incumpra o compromiso contraído na súa visita as zonas afectadas para axilizar os procesos.

O nacionalista explicou que  17.400 parcelas, con  8,7 hectáreas por parcela, ofrecen grandes vantaxes, “os lindes  perimetrais están marcados por  montes comunais e as ribeiras do Ulla e  Arnego e contan con importantes redes de infraestruturas”. Na súa opinión, a concentración parcelaria evitaría a construción de pistas e camiños sen xustificación. Por outra parte, a totalidade dos propietarios  que demandan a concentración parcelaria representan o 40% do censo do concello de Agolada.

Nestas parroquias, engadiu Rivas,  a poboación agarda pola concentración parcelaria para implementar novos proxectos, entre os que destacou: o  cultivo do castiñeiro para froito, nogueira para froito e  cultivo de maza e  oliveira. A zona ademais,  goza de especial relevancia para o cultivo de especies forestais  autóctonas de alto valor  para  madeira como o castiñeiro, nogueira, freixo e piñeiro e  resulta  novidoso o cultivo da camelia para obtención de te polo clima da zona ao que sumou proxectos de cebo de vacún maior  en extensivo e a semente de  cereais.

Para o deputado, a iniciativa do BNG  cumpriu un dos  seus obxectivos aínda que fora rexeitada polo Partido popular porque  hoxe mesmo antes do debate da nosa proposta foi concertada dende Medio Rural a reunión que reclamaba a Asociación Queremos parcelaria co fin de  abordar os avances e procesos da concentración parcelaria.

O PP hoxe impediu un acordo  para axilizar os procesos de reestruturación de concentración parcelaria nas parroquias mencionadas e iniciar novos procesos. Rivas avanzou que o BNG seguirá presentando iniciativas no Parlamento galego para acadar unha concentración parcelaria que poña “ en valor o potencial agrícola da comarca do Deza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG