parlamento galego

BNG pide atención pediátrica para os concellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei e o PP responsabiliza ao goberno central da falta de pediatras

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira lamentou que a Xunta bote balóns fóra provocando que os nenos e nenas carezan desta atención e que a provincia de Lugo conte cunha Atención Primaria deficitaria

O Partido popular votou en contra da  iniciativa nacionalista  para dotar de pediatras os concellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei   

A deputada do BNG, Carme Aira levou hoxe de novo ao Parlamento galego as deficiencias da Atención Primaria na Provincia de Lugo e concretamente ás dos  consultorios  de Castro en Carballedo, Baamonde, Castro de Rei e Parga  pechados así como a falta de facultativos en Castro Riberas de Lea, Baleira, Pantón e de pediatría en Vilalba, Monterroso ou Monforte... “sen que se resolvera en ningún momento e despois de anos de déficits”.

A deputada do BNG explicou que os concellos mencionados son  moi extensos e cunha  poboación envellecida afectada de patoloxías que precisan atención sanitaria nos domicilios pero isto, dixo, non é posible ante a falta de  persoal e a saturación.

Sen servizo de pediatría no rural

Por outra banda, dixo, os  3 concellos afectados, Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei,  están a  30 e 11 km de distancia da capital da provincia, e contan con 5.000 habitantes e cunha importante redución da poboación  que conleva  a perda de financiamento, polo que “colocarse por riba dos 5.000 habitantes pode ser vital para eles”,  e o  feito de non ter un servizo normalizado de pediatría condiciona ás familias á hora de empadroarse. De feito, moitas delas,  recoñecen que non se atreven a deixar Lugo para ter garantida  a asistencia pediátrica por parte dun especialista.

Nunca nos atreveriamos a discutir   se un médico de familia ten a capacidade para unha atención pediátrica de calidade e lamentablemente os médicos de familia tamén escasean o que provoca listas de espera para acceder ás consulta.  Aínda que consideramos que están moi  capacitados, non deixan de seren  especialistas noutras disciplinas , “non en pediatría”. Esta circunstancia levou a un gran número de  nais e pais  a reclamar “o dereito  da  mellor atención posible para os fillos e fillas” e en todo caso,  “en igualdade con outras nenas e nenos do seu entorno”, porque estas nais e país, afirmou Carme Aira,    pagan  impostos en igualdade de condicións coas pais e nais de Lugo polo tanto, é moi lexítimo que reivindiquen unha asistencia de calidade ao mesmo nivel.

Na súa intervención,  destacou  a capacidade que a enfermería pediátrica ten para abordar os coidados das criaturas en idade infantil, pero “unha enfermeira pediátrica non é un servizo de pediatría”, denunciou e  xa non vale facer trampas como o ano pasado que anunciaron que Outeiro de Rei contaría con  asistencia pediátrica a tempo completo pero o que ía ter era pediatra un día á semana e enfermeira pediátrica tódolos días. “Ambas especialidades son importantes e complementarias e realizan traballo autónomo, pero non serven para intercambiar competencias”, sentenciou a deputada.

Non se trata pois da calidade dos profesionais, trátase da “calidade do sistema e das políticas sanitarias” que se deseñan e implementan para dar resposta ás necesidades da poboación.

“Os tres   concellos compartían unha pediatra, 2 días en Cospeito que ten 317 crianzas, 2 en Castro de Rei con con 469 e 1, o venres en Outeiro con 579, un total de 1.365 nenos e nenas  que se ven “sen atención médica  pediátrica con  demasiada frecuencia”, o único que pedimos é que as persoas que fan a súa vida nestes concellos teñan un ou unha médica especialista á que levar ás súas rapazas e rapaces e por suposto que teñan tamén unha enfermeira especialista en pediatría, así como enfermeiras xeralistas, especialistas en Familia e Comunitaria e por que non especialista en xeriatría... que boa falta faría no rural galego con medias de idade ben elevadas na maioría deles, “recalcou a nacionalista”.

Tras a intervención da portavoz popular, Encarnación Amigo que responsabilizou ao goberno do Estado da falta de pediatras, a deputada do BNG lamentou que a Xunta e o Goberno central continúen botando balóns fóra e “miren para outro lado” cando estamos  a reclamar asistencia pediátrica en igualdade de condicións para os nenos e nenas dos concellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei así como unha asistencia sanitaria de calidade e en igualdade de condicións.

Carme Aira afirmou que os nenos e nenas son “o futuro do país” e neste caso, nos concellos de Lugo son “o futuro do noso rural”.

O Partido popular impediu que a iniciativa nacionalista prosperara para dotar de pediatras os consellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG