BNG pide ao Goberno de Rueda que abandone os discursos de odio e deixe de usar menores migrantes como arma política

Concentracion Monforte
Concentracion Monforte

Ariadna Fernández pediu actuar con decencia, dignidade e responsabilidade e non deshumanizar estas crianzas que chegan sos na busca dun futuro mellor

Condenou firmemente o ataque á sede de Monforte na primeira convocatoria do BNG contra quen alenta o odio, o racismo e o ataque a nenas e nenos migrantes.

O deputado Iago Suárez reinvindicou a resposta dun pobo galego acolledor que e vai facer o posible porque Galiza sexa unha terra libre de odio e de fascismo

A responsable de Infacia do BNG, Ariadna Fernández, condenou “firmemente” o acto vandálico ao centro que a Xunta designara para acoller menores migrantes, e pediulle ao presidente da Xunta que abandone os discursos de odio e que deixe de utilizar os nenos, nenas e adolescentes migrantes como arma na súa contenta política co Goberno do Estado.

“Pedímoslle a Rueda que abandone os discursos de odio reiterados, que abandone palabras como ‘guetos’, ‘menas’, ‘recheitamento’, e todo o que implique oporse á chegada destes nenos e nenas”, porque,  na súa opinión, “son nenos e nenas e adolescentes que están sos que queren buscar un futuro mellor -ao igual que o fixeramos nós-os galegos- noutro tempo- e que merecen ser acollidos.

Pediulle así mesmo o PP na Xunta que “non utilice a nenos, nenas e adolescentes que están sós e que precisan axuda nas súas contendas políticas co goberno do Estado, que non desumanice e que actúe con decencia, con dignidade e con responsabilidade, que parece que é-engadiu- o que está faltando no goberno galego. 

Así o afirmou en declaracións aos medios durante a concentración convocada polo BNG este domingo en Monforte, despois de que o centro designado pola Xunta para acoller menores migrantes recibise o impacto de dous artefactos incendiarios, nun ataque que esta a ser investigado pola Policía Nacional.

O edificio Francisco Suárez que a asociación Prodeme ten en Monforte e que foi vítima deste ataque, ía ser o primeiro centro para menores estranxeiros que se abriría en Galiza para asumir o traslado impulsado polo Goberno central. Ata entón, o Goberno da Xunta viña acollendo estes menores no sistema ordinario de proteccion. 

Un sistema que, segundo indicou Fernández, está “infrafinanciado, infradotado e con necesidades que non se cobren desde hai moitos anos e que o Goberno do PP coñece perfectamente que se están dando”, subliñou, demándolle ao Executivo de Rueda que “reforce” o sistema de acollemento. 

“Estaremos sempre acompañando a todos aqueles que se concentren e que se manifesten pola igualdade, polos dereitos humanos”, dixo, afeándolle ao Goberno do PP que, “se temos que solicitar que se cumplan os dereitos humanos mal imos neste País”, sentenciou.

Pola súa banda, o deputado Iago Suárez quixo destacar a “convocatoria histórica” como primeira resposta do pobo galego, especialmente, o do sur de Lugo, contra un dos “ataques fascistas máis significativos que tivo este País probablemente nos últimos tempos”.

Para Suárez, esta concentración ten un “simpolismo enorme” e asegura que as comarcas do Sur de Lugo darán resposta “as veces que faga falta para parar o odio, o fascismo e o racismo porque o pobo galego é un pobo acolledor e vai facer todo o posible porque sexamos unha terra libre de odio e de fascismo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG