BNG pide unha ambulancia de reforzo para Cangas e Moaña

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos responsabilizou ao goberno da  falta dun servizo imprescindible  e que  condena a profesionais e veciñanza a non dispoñer dun soporte vital avanzado onde “cada minuto conta”

O deputado do BNG, Paulo Ríos formulou unha pregunta ao goberno sobre a “situación de emerxencia sanitaria” nas vilas do Morrazo pola falta dun servizo que o parlamentario cualificou de “imprescindible”, unha ambulancia de reforzo que non obrigue aos profesionais a desprazarse en taxi para atender as urxencias.

O deputado explicou  que non é a primeira vez que o BNG  exixe o reforce do servizo de ambulancias no Morrazo, un servizo, dixo,  “imprescindible”  para garantir unha atención sanitaria adecuada e cunha boa resposta  ante as emerxencias que se producen e ao igual que o ano pasado, dixo, volvemos a traer esta iniciativa ao Parlamento porque neste tempo, “non mudou nada”, ao contrario, temos unha sanidade máis precarizada.

“As ambulancias chegan tarde, o persoal médico desprazase en taxi a atender emerxencias graves, o  persoal técnico e médico está   afogado e sobrepasado  e hai  medo e  incertidume entre a  veciñanza”, aseverou o nacionalista.

Por desgraza, e como vostede sabe, dixo dirixíndose ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  tivemos que lamentar o falecemento de varias persoas en Moaña, que non tiveron a oportunidade de contar cunha atención axeitada, en tempo e forma. Unha atención á cal teñen dereito como  calquera outra  persoa, o dereito á saúde. A culpa de unha atención non axeitada non foi do persoal técnico ou médico, “que son profesionais extraordinarios que dan máis incluso do que lle corresponde”.  Estas persoas non tiveron esa oportunidade debido á falta de recursos, á precariedade e á xestión caótica coa que vostede, co beneplácito do señor Feixóo, condena ás profesionais e á veciñanza”.

Por outra parte, asegurou que a día a día, constatamos como as profesionais teñen que desprazarse en servizos de taxi cando as ambulancias están noutro servizo, moitos deles, fóra da súa zona habitual, especialmente no concello de Vigo. Dende o BNG demandamos  mobilizar recursos pero que esta medida non  supoña a desatención nos territorios  asignados, puntualizou.

“Cesen o castigo á veciñanza, poñan unha ambulancia de reforzo que axude nos casos das emerxencias de máxima prioridade e nos casos que se precisa dun soporte vital avanzado e non cun só  soporte básico á espera de que se complete o servizo até media hora despois como está a pasar”.

Tras a intervención do conselleiro de sanidade que non se comprometeu a reforzar o servizo de ambulancia para o Morrazo e xustificou o servizo de taxis como sistema utilizado habitualmente polo persoal,   o nacionalista lamentou que, unha vez máis, o goberno galego volva a “castigar á cidadanía desta comarca precarizando un servizo que pode salvar vidas”. Neste sentido, o deputado do BNG, explicou que el mesmo presenciou como o persoal médico “ten que buscarse a vida” para desprazarse a atender unha emerxencia.

En Moaña, reiterou , “morreron catro persoas” por falta de atención médica e dun servizo de ambulancia “a tempo”. Os veciños e veciños do Morrazo reclaman unha atención sanitaria que garanta o seu dereito a saúde, replicou Paulo Ríos e  estas persoas non son números nin estatísticas que o SERGAS poda usar para xustificar a falta dun  servizo tan necesario.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG