parlamento galego

BNG obtén a unanimidade do Parlamento para instar á Xunta a introducir especialistas en psicoloxía clínica na Atención Primaria

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado: “Ter asistencia aos problemas de saúde mental é un luxo ao alcance duns poucos, a precariedade da atención e os elevados prezos da privada impiden a unha parte da poboación recibir tratamento.”

O BNG obtivo o apoio de todas as forzas políticas da Cámara en emprazar á Xunta a dotar á Atención Primaria de especialistas en psicoloxía clínica, “A saúde mental é unha das grandes esquecidas do Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza. Despois de catorce anos aínda está na fase de anuncios e promesas”, criticou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado.

“A Consellería de Sanidade non ten actuado, non ten atendido as necesidades, non planificou e non dedicar o orzamento preciso, nin para a prevención, nin para a intervención, algo incomprensíbel dado o enorme número de persoas con necesidade de atención”, recriminou Prado, que puxo o foco no estado da saúde mental na sanidade pública galega, “especialmente grave na mocidade”, unha etapa na que se acrecentan os trastornos de conduta, alimentaria, afectiva, déficit de atención, a hiperactividade  e o máis preocupante as condutas autolesivas e intentos de suicidio, advertiu. Unha doenza “sobre a que os centros de ensino están dando a voz de alarma”, declarou.

O suicidio  en Galiza, sinalou a portavoz de Sanidade, precisa dunha política de atención “porque ten unha altísima prevalencia, no noso país quitáronse a vida  máis de tres mil persoas entre 2010 e 2021, “segundo o informe do IMELGA recentemente publicado no último ano foron 331 persoas”, sinalou, uns datos “graves, nos que Galiza segue, tristemente, á cabeza das taxas de suicidios por cen mil habitantes”, lamentou. Isto fai que o suicidio sexa “un problema sanitario e social de primeira orde, a OMS estima que por cada morte por suicido consumada prodúcense entre vinte e trinta tentativas”, informou ao resto de deputados e deputadas na comisión.

Esta situación agrávase en Galiza “cunha Atención Primaria colapsada, porque é aí onde acoden a maioría de pacientes das doenzas de saúde mental, ata o punto de que un terzo das e dos pacientes na Primaria acoden por este tipo de doenzas”, explicou a deputada do Bloque, que sinalou “como só unha porcentaxe pequena de casos de saúde mental son derivados á atención especializada e aínda así as listas de espera de primeira consulta en saúde mental están en torno ás 10.000 persoas”, reprobou aos Populares, “e, ademais, unha Primaria saturada e colapsada deriva nunha cornificación destas doenzas de saúde mental”, denunciou.

Prado demandou ao Goberno do PP “máis esforzo dende o goberno galego para este asunto” fronte “as irrisorias cifras do Plan de Saúde mental de Galicia Post Covid de 2020-2024, “ que con só sete prazas máis de psicoloxía clínica para toda a Comunidade, unha única praza por Área Sanitaria”.

“É urxente destinar recursos e medios para atender as necesidades de atención psicolóxica e psiquiátrica da cidadanía”, emprazou a portavoz de Sanidade, que aludiu á situación galega, cunha taxa de profesionais especialistas en saúde mental “moi por debaixo da media do Estado e da Unión Europea”, criticou, xa que, en número de persoal de psicoloxía por 100.000 habitantes, na media da Unión Europea son 18, no Estado español son seis “e Galiza non chega nin a cinco”, reprobou ao Executivo do PP.

É por iso que Prado solicitou o compromiso e unanimidade da Cámara para levar adiante a proposta do BNG para facer de xeito público e regular as memorias e informes do desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia Post Covid-19, e o Plan Galego de Prevención do Suicidio; introducir nos cadros de persoal dos centros de saúde a especialidade de psicoloxía clínica e activar “con carácter urxente e efectivo as medidas tendentes á eliminación de toda forma de coerción nos servizos de saúde mental” seguindo as directrices da Resolución 2291 (2019) da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa. Medida que foi correspondida co voto a favor de todas as forzas políticas no Parlamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG