parlamento galego

BNG obtén a unanimidade do Parlamento para esixir ao goberno central a exención fiscal das compensacións económicas para as vítimas do amianto

Mon Fernández
Mon Fernández
Ramón Fernández: “Ter que tributar polas cantidades percibidas en compensación significaría ter que pagar a Facenda a metade da cantidade, isto deixa sen efecto o fondo de compensación para as vítimas”

O BNG obtivo a unanimidade da Cámara para trasladar ao goberno central a esixencia de exención fiscal para as compensacións económicas para as vítimas do amianto. Ditas cantidades a percibir polo fondo de compensación pódense ver diminuídas debido á tributación que teñen que facer a Facenda, o cal “deixa o fondo de compensación para as vítimas do amianto sen efecto”, criticou o portavoz de Industria, Ramón Fernández.

“Na actualidade, as indemnizacións que perciben as persoas afectadas son declaradas por sentenza xudicial e están exentas de tributar polo IRPF, mais no futuro a previsión é que isto non sexa así”, informou o parlamentario nacionalista, en referencia a que, segundo a nova denominación da Lei do Fondo, “serán compensacións e non indemnizacións, non van estar declaradas xudicialmente e serán froito dunha resolución administrativa do Instituto Nacional da Seguridade Social”.

É dicir, remarcou Fernández, “estas compensacións quedarían fóra dos supostos recollidos na Lei do IRPF de indemnizacións exentas de tributación”, ao contrario do que pasa agora, que si desfrutan desa exención.

“Ter que tributar polas cantidades percibidas en concepto de compensación, o que en moitos casos vai significar ter que pagar a facenda a metade das cantidades percibidas, deixa sen efecto o Fondo”, incidiu o portavoz de Industria, que aproveitou a súa intervención para facer referencia do “longo” proceso que levou a saída adiante da Lei do fondo de compensación, “con ata 20 prórrogas” e cuxo proceso perigou “por unhas enmendas do PSOE que significaban deixar sen efecto o Fondo de compensación, polo que ningunha persoa podía chegar a ser beneficiaria deste”, criticou.

Despois de aprobarse e publicarse a Lei de constitución do Fondo, o día 20 de outubro do 2022, deixou, para posterior desenvolvemento regulamentario “demasiados asuntos da máxima transcendencia, dándose un prazo de tres meses para aprobalo que se cumpriron o pasado 20 de xaneiro” polo que se está incumprindo xa o propio prazo do regulamento, o que para Fernández supón “un grave incumprimento por parte do goberno central”.

O portavoz de Industria denunciou que, despois de aprobada a lei, “non só non exista aínda regulamento, senón que o goberno nin sequera conteste ás manifestacións e ás queixas das asociacións de vítimas sobre este problema en concreto, este grave problema que pode dar ao traste coa propia Lei de constitución do Fondo, e que foi advertida e denunciada desde o primeiro momento”, remarcou.

O BNG, declarou o deputado nacionalista, “fai fincapé que son moitas as persoas potencialmente afectadas, moitas máis das que podería pensarse a priori, pola elevada presenza do amianto en multitude de actividades” dixo en referencia á “nula” prevención en materia laboral durante anos en sectores intensivos en man de obra, e criticou a ausencia de controis sanitarios sobre esta ameaza por parte do Sergas, dependente do Goberno do PP, “ou que tardaron en activarse, sendo así que aínda hoxe é posíbel que unha doenza derivada da exposición ao amianto pase desapercibida”, reprobou.

É por iso que o BNG demanda que, na cuestión económica, as contías deste Fondo estean exentas de tributación, “para que non encolla a reparación económica dos danos”, emprazou Fernández. Dita iniciativa do Bloque obtivo o apoio unánime de todas as forzas políticas do Parlamento.

O portavoz de Industria non quixo rematar a súa intervención sen aproveitar para lembrar a Populares e Socialistas “o feito de que nos entreteñamos con este asunto que non debera ter ocorrido, en vez de fixarnos en como se vai artellar este fondo” para, puxo o foco, “dotar de formación e protocolos claros a todos profesionais de atención primaria para recoñecer a orixe laboral de certas patoloxías ou cales van ser eses equipos que valorarán os casos, se o regulamento debe ou non elaborar un baremo propio específico, como se vai garantir o dereito a percibir o recargo nas prestacións por incapacidade ou a perspectiva de xénero”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG