BNG obtén a unanimidade do Parlamento para eliminar a praga de térmite e arranxar a fachada do IES Alfredo Brañas en Carballo

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez demandou o inicio “inmediato” das tarefas de eliminación da praga “que son vitais para que o profesorado e a equipa directiva poidan organizar o espazo que acolle un proxecto educativo dun centro vangardista e de referencia na provincia”

O BNG obtivo o consenso de toda a Cámara para acometer “coa máxima celeridade” a eliminación da praga de térmite do do IES Alfredo Brañas de Carballo, que provocou a caída do teito do seu salón de actos no ano 2021 e leva tres anos agardando pola acometida de accións técnicas contra esta couza, así como do arranxo da propia fachada do centro, da cal desprendéronse varios cascotes.

O deputado da Costa da Morte, Daniel Pérez, demandou que dita fumigación “comece de xeito inmediato” e puxo o foco na responsabilidade da Xunta “no intolerable retraso” de máis de dous anos en acometer a reparación dos danos provocados pola térmite “que, debido a esta demora, xa se estenderon a todo o centro”, denunciou. Un IES “de vangarda, onde o salón de actos é un dos espazos vitais para que o profesorado e a equipa directiva poidan organizar o proxecto educativo dun centro de referencia na provincia”, salientou.

Pérez fixo un relatorio de como “o desleixo” da Consellería de Educación comezou “despois da visita dos técnicos para avaliar os danos, despois da cal o centro quedou sen novas ata decembro do 2021, “seis meses despois da caída do teito”, remarcou. Só despois do rexistro que fixo o BNG para esixir a reparación do salón de actos “apareceron os operarios para, por vez primeira, retirar parte dos cascotes”, explicou, unha iniciativa para efectuar de inmediato as reparación “na que o PP votou en contra”, criticou.

Estas “coincidencias” entre as iniciativas rexistradas polo Bloque e os movementos de Educación foron descritas polo deputado do BNG, que exemplificou “como en pararelo ao debate desta iniciativa presentouse o director territorial de Educación no IES Alfredo Brañas e lle comunicou á dirección que ía facer un informe, mais con oito meses de retraso”. Algo que Pérez cualificou como “desidia”, xa que neses oito meses a praga de térmite que tombou o teito do centro estendeuse a todo o IES.

Tivo que chegar o mes de abril do 2022 “cando o propio conselleiro nos asegurou que xa se contaba cos estudos técnicos e preliminares, e que se encargaba a redacción do proxecto de xeito inmediato”, describiu o deputado carballés. Esa “inmediatez” tivo lugar 5 meses despois, en setembro, cando o IES Alfredo Brañas tivo constancia a través da prensa do orzamento para as obras do centro educativo, “ninguén da consellería lles comunicou, oficial ou extraoficialmente, a existencia dese proxecto nin a data de inicio das obras”. Chegado outubro “os cascotes seguían desprendéndose e a térmite traballando duramente”, reprobou.

Xa en novembro do 2022, “o BNG arrincou o compromiso de Manuel Vila, secretario xeral técnico da consellería, que prometeu que o devandito salón de actos estaría dispoñible no inicio do curso 23-24”, detallou Pérez, que criticou que, daquela, “non houbera, pola contra, compromiso para arranxar a fachada do centro, da cal se seguían a desprender cascotes”, agravio ao que se lle suma, recriminou, a omisión a todo o relativo a medidas para frear a praga de térmite que xa invadía todo o centro.

Unha vez conseguido o compromiso da Consellería de Educación para a reforma do salón de actos do IES Alfredo Brañas, o BNG arrincou hoxe o compromiso de todas as forzas do Parlamento en trasladar a Xunta a necesidade dunha reforma da fachada “para evitar o perigo da caída destes cascotes”, emprazou o deputado do BNG, e a acometida da praga de térmite “para poñerlle punto e final a este problema canto antes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG