O deputado do BNG Iago Suárez reclamou hoxe na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia unha intervención urxente para garantir a conservación da Capela de Guadalupe, situada na parroquia de San Vitorio de Ribas de Miño, no concello lucense do Saviñao. A súa intervención foi seguida por unha trintena de veciñas e veciños que se desprazaron ata Santiago para visibilizar a situación de deterioro que sofre esta edificación singular.
“O feito de que trinta persoas se despracen desde o Saviñao ata aquí, nun xoves de outubro, dá boa conta do profundo apego que sente a veciñanza pola súa capela e do seu compromiso coa defensa do patrimonio”, salientou Suárez, quen lles transmitiu un afectuoso saúdo e un sincero agradecemento pola súa persistencia.
O deputado lembrou que son varias as iniciativas que o BNG trouxo ao Parlamento, pedíndolle ao Goberno de Rueda plans integrais para a zona e que “non se fan, vótase en contra”, recriminou Suárez. Agora pedímoslles esta actuación concreta, e tampouco”, dixo.
“Gastan bastante máis nun só festival de música aquí en Compostela –O son do Camiño— para promocionar artistas como Katy Perry ca os 1.200.000 euros en rehabilitacións singulares” recriminou Suárez despois á bancada popular.
O deputado nacionalista cualificou a Capela de Guadalupe como “unha xoia da Ribeira Sacra e de toda Galiza”, situada nun enclave privilexiado con vistas a varios concellos e parroquias da contorna. “É unha construción literalmente única, motivo de orgullo para quen habitamos o sur de Lugo, e debera selo para toda Galicia”, afirmou.
Suárez lembrou que a capela está incluída no expediente de catalogación da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC), polo que a Xunta de Galicia ten o deber legal de garantir o seu mantemento. Porén, denunciou que ata o de agora todas as actuacións de conservación recaeron exclusivamente na veciñanza, que mesmo tivo que reforzar o interior da edificación para evitar o seu derrubamento.
Durante a visita do deputado da comarca ao lugar, o BNG puido constatar o grao de deterioro, con goteiras, roubos e deficiencias estruturais da capela. “A Xunta éncheselle a boca coa Ribeira Sacra”, animando a xente a visitala e ver o bonita que é, co obxectivo de convertela Patrimonio da Humanidade. Non obstante, para o deputado nacionalistas, é preferible que “a miña xente poida vivir con dignidade, que teñan traballo, vivenda e servizos, antes de colgarnos medallas que non resolven os nosos problemas”, manifestou.
Suárez criticou a falta de plans reais por parte do Goberno galego para o desenvolvemento da zona: “Non hai plan de emprego, nin de mobilidade, nin de remuda xeracional no sector vitivinícola, tampouco de turismo, nin sequera un plan de coidado do patrimonio. “A Xunta utiliza a Ribeira Sacra como atrezzo, pero ignora á xente que vive nela”.
Neste sentido, advertiu que sen veciñanza non hai futuro para a Ribeira Sacra: “Somos indíxenas, aborixes, pero non somos menos ca ninguén. Somos quen sostemos esta paisaxe que tanto se quere vender fóra, malia termos os salarios e pensións máis baixos do Estado”.
Na proposta do BNG solicitábanse dúas medidas concretas, elaboración dun estudo de campo rigoroso sobre o estado da Capela de Guadalupe no actual período de sesións, e inicio dos traballos de rehabilitación antes da finalización da XII Lexislatura.
“Teñen agora unha oportunidade de ouro de demostrar con feitos o seu compromiso co Saviñao, coa Ribeira Sacra e coa xente que a habita. Non abonda con palabras; hai que actuar. Mostren co seu voto se lles importa ou non este patrimonio único. Baixen á sala Domingo Fontán e díganlles á cara aos veciños e veciñas de San Vitorio de Ribas de Miño que van deixar que caia a súa capela”, emprazou.
Malia a exposición do deputado, os 30 veciños e veciñas que escoitaron a intervención desde a sala F do Parlamento, tiveron que ver, en directo, como o PP votaba en contra.