A Comisión 6ª do Parlamento galego aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei do BNG para poñer fin aos frecuentes e prolongados cortes de subministro eléctrico que vén sufrindo o concello de Mazaricos. A proposta, presentada polo deputado Xosé Manuel Golpe, advirte do grave impacto destas incidencias na vida cotiá, a saúde, o comercio e, de xeito particular, nas explotacións gandeiras da zona.
Golpe denunciou a gravidade dun problema que se veu agravando nos últimos cinco ou seis meses, aínda que arrastra dende hai anos. “Mazaricos conta con instalacións eólicas e hidroeléctricas que suman unha capacidade instalada estimada de preto de 400 megavatios” apuntou. Con todo, preto do 60% do concello, que dá servizo a uns 3.500 habitantes, depende dunha liña de media tensión, a Pontella 3, que presenta constantes fallos e cuxo mantemento foi maioritariamente correctivo e non preventivo.
O deputado salientou que os principais afectados por estes cortes, que nos últimos días de temporal “superaron as 24 horas de duración”, son os gandeiros, eixo central da economía local nun concello con 300 explotacións e máis de 14.000 cabezas de gando. Estimou que, só nos últimos meses, uns 60.000 litros de leite se derramaron ou perderon por falta de frío nos tanques. Ademais, os microcortes danan os robots para muxir, provocando mastites nas vacas, o que deriva no uso de antibióticos e nunha minguar da produción e da calidade. Tamén citou afectacións no núcleo urbano da A Picota, onde establecementos hostaleiros e comercios veñen sufrindo perturbacións constantes nas súas actividades.
O deputado do BNG sinalou directamente á empresa distribuidora, Unión Fenosa Distribución (do grupo Naturgy), como responsable desta situación, denunciando que as infraestruturas son obsoletas, o mantemento é case inexistente e non se realiza limpeza adecuada da vexetación nas faixas de servidume. "Temos unhas distribuidoras que teñen garantidos os ingresos públicos pero que non teñen unha obriga efectiva de mellorar a infraestrutura nas zonas rurais", afirmou.
"O Concello de Mazaricos xa é o símbolo dunha contradición estrutural: un territorio con capacidade de xerar centos de megavatios sofre cortes diarios mentres a súa infraestrutura de distribución recibe cero melloras", rematou Golpe. A iniciativa aprobada supón un requirimento institucional unánime para que a Xunta actúe e garanta que as veciñas e veciños de Mazaricos reciban o servizo que están a pagar.