parlamento galego

BNG logra o apoio unánime para reclamar medidas urxentes que garantan a produtividade marisqueiras na ría do Burgo

Iria Taibo
Iria Taibo

Iria Taibo reclama infraestruturas básicas para as mariscadoras, a recuperación das zonas improdutivas e un compromiso real coa vindeira campaña de Nadal 

A deputada nacionalista denuncia que “a Xunta leva 22 meses usando a dragaxe como escusa mentres a actividade produtiva está a piques de desaparecer” e reclama “feitos, non máis estudos”

O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do BNG para poñer en marcha, de maneira inmediata, medidas concretas para a recuperación da produtividade marisqueira na ría do Burgo. A deputada nacionalista Iria Taibo criticou a pasividade do Goberno do PP na Xunta, a quen acusou de “eludir as súas responsabilidades” no ámbito marisqueiro mentres as mariscadoras e mariscadores da confraría ven afundirse a súa fonte de sustento.

Taibo lembrou que esta é a quinta vez nesta lexislatura que se aborda a situación da ría e que, a pesar de que a dragaxe finalizou en abril de 2024, “a Xunta segue a escudarse nos defectos da obra para non actuar”. A deputada denunciou que, mentres o Goberno central destinou orzamento adicional para rematar os paseos marítimos, “no relativo á rexeneración produtiva da ría non hai o mesmo interese”. “Cando foi a última vez que o Goberno galego investiu na actividade produtiva da ría?”, preguntou.

A nacionalista subliñou a gravidade da situación: actualmente hai menos de 50 persoas dadas de alta (30 a pé e 10 a bordo), cando historicamente a ría chegou a sacar marisco en tractores. “Hoxe, se se saca medio saco de berberecho, hai que dar grazas”, alertou. Taibo advertiu do “risco real de que a actividade produtiva desapareza da ría” e reclamou actuacións inmediatas, comezando polo depósito de semente de marisco que permita garantir, cando menos, a próxima campaña de Nadal.

A deputada do BNG puxo o foco tamén nas carencias estruturais que sofren as mariscadoras, que dispoñen unicamente dun punto de control temporal “moi básico” que lles impide desenvolver a súa actividade con normalidade. “Precisan un espazo definitivo con oficina, vestiarios, aseos e lugar para pesar e facer poxas. Iso permitiría chamar a máis compradores, facer poxas e mesmo desenvolver proxectos ambientais como o da zostera, que poderían explicar a escolares”, explicou.

Taibo criticou duramente que a Xunta se limite a ofrecer axudas ás mariscadoras ás que “non poden acceder porque carecen do espazo mínimo para presentar un proxecto”. E denunciou que “os estudos que está a facer a Xunta non serven de nada se non van acompañados de medidas reais”. “Non podemos esperar a facer cinco ou seis estudos máis. É preciso poñerse a traballar para que esta xente poida comezar a sacar produtividade a partir da próxima campaña”, sentenciou.

Finalmente, a deputada nacionalista fixo un chamamento á responsabilidade: “Algo haberá que facer. Ou imos seguir outros dous anos máis usando de pretexto a dragaxe mal feita para que o Goberno galego non asuma a súa responsabilidade no ámbito marisqueiro?”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG