O BNG logra o apoio do Cámara para reclamar a transferencia dos institutos oceanográficos da Coruña e Vigo

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado lembra un acordo anterior de 2016 que non chegou a nada, mentres o Estado está desmantelando estes centros vitais para o sector da pesca

O BNG logrou o apoio do Parlamento para solicitar ao Estado a transferencia a Galiza dos institutos oceanográficos da Coruña e Vigo, imprescindibles para o sector pesqueiro polo seu traballo de investigación e desenvolvemento no ámbito mariño, non son unha referencia.

En concreto, a proposición non de lei defendida pola portavoz de Pesca, Montse Prado, recolle “o traspaso de competencias para a total xestión económica e administrativa dos centros do Instituto Oceanográfico Español en Galiza, co obxecto de que pasen a formar parte da estrutura propia da Xunta”. Igualmente, a iniciativa inclúe, mentres a transferencia non sexa efectiva, “iniciar un proceso de descentralización dos institutos para dar paso a unha xestión segundo as súas propias necesidades”.

A proposta nacionalista tamén insta ao Goberno central a atender ás demandas das traballadoras e dos traballadores dos centros do IEO, “nomeadamente as referidas á creación dunha bolsa de emprego, aumento do investimento en I+D+i, aprobar con axilidade os proxectos de investigación e no deseño dun modelo actualizado, coa necesaria modernización no sistema de xestión e na estrutura do organismo”.

De feito, a xestión desde Madrid do funcionamento de ambos institutos está provocando a perda de investimentos e a paralización de proxectos de investigación.

“Hai un descoñecemento da realidade do mar e pretender gobernalo desde Madrid é un despropósito que provoca perda de oportunidades e financiamento e subvencións europeas, parálise de proxectos de I+D+i como por exemplo o de cultivo de moluscos, proxectos punteiros e avanzados, que para o Goberno central non son importantes e ante os que amosa un desleixo absoluto sen que a Xunta mova un dedo”, recriminou Prado.

O Bloque tamén denunciou que a redución continuada de persoal nos centros proba o desinterese do Executivo central cando non unha intención de desmantelamento dos mesmos. “Non se leva a cabo reposición de persoal e das 25 prazas de convocatoria deste ano non hai ningunha para Galiza, pese á evidencia de que ambos institutos oceanográficos son fundamentais porque somos os máximos produtores de mexillón, zamburiñas e ostras”, explicou a portavoz de Pesca.

A pesar de lograr o acordo unánime da Cámara, Prado lembrou que o Parlamento xa aprobou en 2016 solicitar a transferencia dos institutos oceanográficos de Vigo e A Coruña sen que a Xunta levase a cabo ningunha xestión eficaz ante o Goberno do Estado, polo que espera que esta vez non volva ser un voto de cara á galería.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG