parlamento galego

BNG logra un “acordo unánime” para dar resposta urxente ás demandas dos profesionais do servizos de Urxencias do Hospital do Barbanza

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosa Pérez reclamou medidas “inmediatas” antes de que a situación sexa “irreversible” e traslade  a atención sanitaria da comarca a 25 anos atrás

A través dunha proposición non de lei, defendida pola deputada, Rosana Pérez, o BNG logrou un “acordo unánime” na Comisión de Sanidade para responder de “maneira urxente” ás demandas  dos profesionais do servizo de Urxencias do hospital e iniciar “as  contratacións necesarias e  con condicións dignas para  paliar a actual situación,  antes de que se converta en “irreversíbel” e a atención sanitaria na comarca se sitúe  á altura de  25 anos atrás.

Na defensa da proposta, a nacionalista explicou que o Hospital do Barbanza cumpriu a recentemente 25 anos e o  conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña no acto de aniversario afirmou que  tras, 25 anos, o hospital “sigue renovándose, e imos garantir que esa renovación continúe nos vindeiros anos”. Nesta liña, a deputada sinalou que  a renovación dos hospitais  resulta sempre  necesaria pero ao seu xuízo, debe ser prioritaria  a dotación dun cadro de persoal que responda ás  necesidades e  condicións laborais dignas para manter unha atención sanitaria de calidade.

Para a parlamentaria do BNG,  despois de  25 anos  “hai moi poucos motivos de celebración  no hospital do Barbanza porque “lonxe de mellorar, empeora día a día”.

Rosana Pérez criticou que, tanto o conselleiro como distintos  cargos da Consellería de sanidade  repiten  que “a asistencia sanitaria nos hospitais comarcais está garantida” e venden  esta asistencia  pública como un éxito da súa xestión polo que  preguntou en  que condicións está a “garantirse”, cando en realidade a carga asistencial que soportan os profesionais provocan cada vez máis baixas e “deserción da sanidade pública”.

Por outra parte, recriminou a “falta de diálogo” da administración cos profesionais dos centros sanitarios,  “non escoitan as súas demandas, non analizan polo miúdo as necesidades dos centros e tampouco toman medidas para melloralas”. Agardamos, dixo, que o acordo unánime acadado hoxe sexa un primeiro paso para paliar as extremas condicións que están a empeorar un servizo que neste momento resulta “insostible”. A área de Urxencias foi unha desas zonas do hospital da Barbanza que se renovou non hai moito tempo pero  malia a esa necesaria e moi reclamada renovación, “o deterioro do servizo é clamoroso”.

Na súa intervención tamén denunciou “contratos indignos”, por días, avisando no mesmo día da quenda de traballo, persoal que no que vai do ano  2023 aínda non puido desfrutar das vacacións do 2022, sobrecarga de traballo porque o cadro de persoal non se corresponde coas necesidades reais, un déficit de 4 profesionais médicos cuxo traballo recae sobre os  demais e  cunha particularidade engadida: “As Urxencias do hospital son as que fan a asistencia a pacientes críticos ou inestábeis é son as que se encargan dos traslados -con persoal médico e de enfermería- a Santiago”. E tamén  interveñen sobre os pacientes que están no propio servizo de urxencias e dos ingresados no centro  que precisen estabilización ou traslado, independentemente do servizo do que  dependan eses pacientes.

Ademais de todo isto, atenden aos pacientes, en 1ª instancia, dos servizos que non realizan gardas de presenza física no centro, como Traumatoloxía, Pediatría, Cirurxía Xeral ou Radioloxía. Todas estas circunstancias, afirmou, Rosana Pérez conducen á “fuxida de profesionais do servizo, precariedade e falta de recursos humanos que empeora a atención sanitaria.

En opinión da deputada do BNG, o servizo de Urxencias do hospital do Barbanza representa o máis  claro exemplo  “do pésimo funcionamento” da sanidade pública na comarca con falta de facultativos e  persoal de enfermería nos centros de saúde, consultorios periféricos pechados dende hai máis de 3 anos ao que sumou citas con importantes demoras nas consultas dos médicos e médicas de familia.

Hoxe mesmo terá  lugar unha nova  concentración do persoal do hospital para denunciar   esa precariedade, condicións de traballo insoportábeis e unha perda de calidade asistencial galopante. Unha situación dixo, que pode ser extrapolada aos centros de saúde das 4 localidades que dependen dese hospital e que suman preto de 70.000 habitantes.

A deputada celebrou o acordo unánime e anunciou que o BNG agarde que represente un “paso adiante real para mellorar todas as eivas ”do servizo de Urxencias do Hospital do Barbanza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG