A portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, impulsou o acordo unánime do Parlamento para que a Xunta dea conta das conclusións dos distintos estudos que leva anunciados nos últimos 20 anos sobre os depredadores de bivalvos, e en particular sobre as ouxas, co obxectivo de tomar medidas para combater o seu nocivo efecto sobre o sector marisqueiro.
Pérez advertiu ao PP que o BNG vai estar vixiante do cumprimento deste acordo, acadado logo do debate da proposición non de lei que defendeu neste sentido na comisión parlamentaria de Pesca e Marisqueo e pola que tamén quedou aprobada a toma de medidas de acordo co sector, mentres non rematan os distintos estudos, para conter as consecuencias negativas que está a ter a poboación de ouxas nas rías galegas.
“Queremos saber o resultado de todos os estudos, igual que quere coñecer o sector, para ver, entre outras cousas, o que vostedes fixeron”, advertiu aos populares, logo de recriminarlles que o seu Goberno leva anunciando desde 2007 “estudo tras estudo que non realiza” mentres o sector do marisqueo “sementa para darlle de comer ás ouxas”, en referencia a unha das especies que está arrasando cos escasos bivalvos que quedan nas rías, nomeadamente na de Arousa e nas do sur.
Neste sentido, recordou que a Consellería do Mar comezou a facer estudos sobre as ouxas e outros depredadores hai preto de 20 anos, sen que se coñezan nin os seus resultados, nin ningunha aplicación práctica derivada dos mesmos. E lonxe de dar a coñecer as conclusións e, por extensión, as medidas tomadas en base ás mesmas, anunciou a comezos deste ano unha novo estudo.
A propia consellería, incidiu, recoñeceu publicamente en 2021 que a poboación de ouxas estaba fóra de control, pero sen tomar nin unha soa medida ao respecto, polo que, ante o clamor do sector, ese mesmo ano anunciou outro estudo máis sobre a ouxa que puidera permitir declarar a especie como non controlada e solicitar á UE un plan de control de especie no que se incluíse a súa retirada do medio.
Tan só un ano despois, no verán de 2022, Mar anunciou un novo estudo logo de reunirse con algunhas Confrarías e en 2024, ano especialmente duro polos distintos episodios de fortes choivas e mortaldade masiva do marisco, e novamente pola presión do sector, o departamento autonómico anunciou que o CETMAR comezaría un estudo para tentar atopar unha solución ao que o sector cualificaba xa como praga.
Mais “non debía gustar nin o do CETMAR nin ningún dos anteriores”, ironizou a deputada nacionalista, para recalcar a continuación que a primeiros deste ano, a consellería volveu anunciar outro estudo, neste caso liderado polo CIMA e colaborado polo propio CETMAR e a Federación Galega de Confrarías.
“Pasan a vida anunciando estudios que nunca realizan, de estudo en estudo e tiro porque me toca”, reprochou ao Executivo do PP, ao que criticou que leve preto de 20 anos facendo que fai, demostrando a súa incapacidade absoluta para ofrecer solucións ao problema e constatando unha vez máis o seu desleixo co sector marisqueiro ao que continúa deixando esmorecer.
Con este asunto, pero tamén ao non actuar contundentemente respecto do saneamento das rías, ao non definir unha política clara e a medio e longo prazo para enfrontar as consecuencias do cambio climático ou ao desentenderse dos problemas que sofre o sector sen planificación algunha.
“A Consellería do Mar é a consellería dos remendos, dos parches puntuais que non enfronta nunca as causas estruturais dos problemas que ten o sector”, sintetizou, logo de lembrar que en 2024, só nese ano, perdéronse máis de 220 PERMEX sen que o Goberno do PP tomara medida algunha.
Rosana Pérez considerou “unha burla” que os populares argumentaran no debate parlamentario que non tomaba medidas porque non se recollían na maioría dos plans de xestión do marisqueo, xa que son estes os que deberían propoñer, entre outras, accións concretas para combater os depredadores de bivalvos.
“Entón, porque as confrarías non se lles ocorreu incluír medidas no seu plan de xestión, a Xunta que fai? Mirar como as ouxas acaban de destruír o pouco que lles queda a moitos bancos marisqueiros? Mirar como acaban cos cartos e co esforzo dun sector que sementa para darlle de comer ás ouxas?”, cuestionou para concluír amosando a súa incredulidade ante unha mostra máis do “abandono total” do sector marisqueiro por parte do Executivo de Alfonso Rueda.