parlamento galego

BNG logra o acordo do Parlamento para pedir o levantamento do bloqueo a Cuba e o apoio á campaña solidaria de vacinación

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado impulsa a unanimidade da Cámara contra o embargo e a adhesión á compra de xiringas que permitan inmunizar á poboación cubana

O BNG acadou a unanimidade do Parlamento para mostrar o apoio galego ao levantamento do bloqueo económico, comercial e financeiro que EEUU mantén contra Cuba e a adherirse á campaña internacional solidaria, impulsada por Solidariedade para o Desenvolvemento e a Paz, para recadar fondos co obxectivo de adquirir xiringas que permitan realizar a vacinación contra a COVID na illa.

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, recalcou a necesidade desta campaña ante as graves dificultades que, debido ao embargo, está a afrontar Cuba para dotarse de equipamento e materias primas para a produción de medicamentos fronte ao virus. “A pesares desta situación, foi quen de crear vacinas de produción propia e, por iso, o obxectivo desta campaña internacional é adquirir xiringas coas súas correspondentes agullas dun só uso para chegar aos 25 millóns que precisan para cumprir os ensaios clínicos destas vacinas propias co que agardan ter inmunizada á metade da poboación no mes de agosto e á totalidade a finais de ano”, explicou.

Prado incidiu no durísimo impacto do bloqueo sobre os 11 millóns de cubanos e cubanas dende fai case seis décadas e que se veu agravado durante a pandemia, ao impedir a chegada de materiais sanitarios, medicamentos e insumos. “O embargo é unha política cruel que provoca sufrimento, privacións e carencias ao pobo cubano e tense endurecido deliberadamente durante esta pandemia”, reprobou, para recalcar a continuación que esta “política de asfixia non dana só ao Goberno cubano, senón a todo un pobo e mesmo están imposibilitando a adquisición de medicamentos para o tratamento de cancros infantís, analxésicos, anticonvulsivos e alimentos especiais para nenos e nenas con enfermidades metabólicas”.

A deputada nacionalista advertiu de que este próximo 23 de xuño a Asemblea Xeral das Nacións Unidas volverá votar a “necesidade de poñer fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba” e recordou que en todas as ocasións, “ano tras ano e desde 1992”, o bloqueo foi condenado por abafadora maioría na Asemblea da ONU nas 28 ocasións consecutivas e, na última, no ano 2019, “a votación contra o bloqueo a Cuba obtivo 187 votos a favor dos 192 países membros, practicamente a unanimidade da cámara”. Así pois, recalcou a necesidade de que EEUU “cumpra as resolucións hipermaioritarias da ONU e cambie o bloqueo unilateral e cruel polas relacións entre iguais”.

Logo de agradecer o apoio do resto de forzas parlamentarias, Prado sinalou que urxe rematar cun “bloqueo ilegal e inxustificado, que é o responsábel de que teñamos tamén que pedir o apoio a esta campaña de solidariedade”. “É de xustiza porque ningún país do mundo ten sido vítima dunha presión e asedio semellante ao que desde hai 60 anos EEUU está sometendo a Cuba”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG