O sometemento das políticas do PP aos intereses económicos dun puñado de empresas centrará a axenda do BNG no próximo Pleno do Parlamento, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará sobre esta cuestión na sesión de control. A líder nacionalista pedirá ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare se “vai seguir gobernando para os grandes lobbies e empresas amigas do PP ou vai empezar a defender o interese xeral de Galiza”, tal e como avanzou a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta do Portavoces.
Rodil referiuse o proxecto de Altri en Palas de Rei, “que o PP patrocina e promove desde hai máis dun ano”, como o mellor exemplo de que o Executivo de Rueda prefire defender “única e exclusivamente” os beneficios da pasteira portuguesa e non os intereses do País. Lembrou, neste punto, que os galegos e as galegas xa se teñen manifestado masivamente e que este domingo volverán saír á rúa convocados pola plataforma Ulloa Viva para protestar contra a instalación no corazón de Galicia dunha “verdadeira bomba ambiental” que vai consumir cada día máis auga que toda a provincia de Lugo e que vai implicar “enormes prexuízos” ao sector agrogandeiro e forestal de Galiza.
Máis Altri non é a única empresa amiga do PP que se beneficia da súas políticas na Xunta. “Vémolo tamén con Ence e con Navigator cando o Goberno de Rueda abre a porta a máis eucaliptos a través dunha moratoria trampa que vai autorizar máis hectáreas para esta especie”, advertiu Rodil, subliñando ao respecto que Galiza xa superou as 438.000 ha de superficie, “moito máis que os obxectivos fixados no Plan forestal para 2032”. Ademais, afondou, a moratoria aplicada nos últimos anos non conseguiu frear ao avance do eucalipto, que segundo o Inventario Forestal ocupa 25.000 hectáreas máis.
Rodil referiuse así mesmo ás medidas do PP para favorecer o lobby eléctrico. “Non deixa de achantar o camiño para que siga depredando os recursos e o territorio”, denunciou, aludindo, entre outras cuestións, aos cambios lexislativos feitos a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, “desprotexendo a paisaxe, mesmo as zonas de especial protección, só para continuar cebando o seu negocio”.
Malia crise habitacional que existe no País e as miles de persoas que teñen dificultades para acceder a unha vivenda, este é outro dos ámbitos nos que o PP lexisla contra os intereses da maioría, favorecendo neste caso a “especulación” inmobiliaria. “Minipisos a prezo de luxo e que as promotoras poidan escoller quen entra a vivir e quen non nun piso de protección” son, neste sentido, algunhas das últimas propostas de Rueda, criticou.
A violencia machista volverá ser outro dos temas principais do BNG no próximo Pleno, no que fará unha pregunta urxente sobre a situación das mulleres vítimas que están protexidas agora mesmo pola Unidade da Policía Adscrita logo de escoitar tanto ao conselleiro Diego Calvo como ao propio presidente da Xunta “utilizalas como arma política e ameazar con deixalas sen protección”.
Protección ás vítimas da violencia machista
Tal e como vén facendo nos últimos días, o Bloque reclamará que esta ameaza sexa “inmediatamente desautorizada e rectificada”, adoptando as medidas necesarias para garantir a seguridade das mulleres vítimas de violencia machista, apuntou Rodil, que fixo fincapé en que a situación actual da Unidade Adscrita xorde tanto do incumprimento das previsións estatutarias quer permiten que Galiza conte cun corpo de Policía propio como da “incapacidade” do PP na Xunta para chegar a un acordo co Ministerio do Interior.
Tamén no ámbito da igualdade, o Bloque vai defender unha proposición non de lei para reforzar e ampliar os centros de información ás mulleres, dotándoos de máis recursos económicos e de máis persoal para garantir a mellor atención desde o público, “fronte ao modelo privatizador do Partido Popular que quere favorecer o negocio das empresas tamén no ámbito dos dereitos das mulleres”, tal e como se constatou coa privatización dos centros de crise 24 h ou agora coas CIM móbiles, que xa están sendo licitados.