Congreso

BNG leva a Madrid a mellora do proxecto da Variante de Caldas e demandará ao Ministerio escoitar a veciñanza

Néstor Rego, Manuel Fariña e Carme da Silva
Néstor Rego, Manuel Fariña e Carme da Silva

Manuel Fariña trasládase a Madrid para entregar á representación nacionalista as demandas veciñais de Caldas de Reis para que o Ministerio rectifique e aposte por unha rolda oeste “branda”

“A proposta actual do Ministerio posúen unha grave afectación sobre o territorio” alerta o voceiro do BNG en Caldas de Reis a Carme da Silva e Néstor Rego

O deputado e a senadora do BNG comprométense a traballar para que o Goberno atenda as demandas veciñais e leve a cabo un proxecto que de verdade mellore a mobilidade

O portavoz municipal do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña, reúnese co deputado e a senadora do BNG en Madrid para impulsar a rolda oeste branda que solucione os problemas de tráfico sen afectación ao territorio. Néstor Rego e Carme da Silva comprométense a traballar para que o Goberno do Estado modifique o proxecto da Variante de Caldas e eliminar a grave afectación existente.

Manuel Fariña trasládase a Madrid para unha reunión co deputado do BNG, Néstor Rego, e a senadora nacionalista, Carme da Silva, para coordinar as actuacións precisas para que o Goberno do Estado modifique o actual proxecto da Variante de Caldas e impulse unha rolda oeste “branda”, semellante á estrada de Portas. O voceiro nacionalista traslada así as demandas da veciñanza caldense que rexistrou milleiros de alegacións á proposta actual do Ministerio de Transportes.

Carme da Silva, Manuel Fariña e Néstor Rego
Carme da Silva, Manuel Fariña e Néstor Rego

Para a organización nacionalista, ao igual que para o conxunto dos veciños e veciñas de Caldas de Reis, a proposta do Goberno do Estado ten unha grave afectación no territorio e “non solucionará os problemas actuais de conectividade e mobilidade que ten a día de hoxe Caldas”.

Fariña insiste en que  é necesario converter a Variante nunha avenida ‘branda’ -desde as Veigas de Almorzar até Santa María de Tivo- que funcione a modo de anel viario de circunvalación, liberar a AP-9 e construír un novo enlace en Bemil para solucionar os problemas de tráfico na vila. “O Ministerio debe descartar as alternativas propostas que afecta especialmente a Godos, Santa María, Bemil e Saiar, porque tampouco suporía un adianto para o acceso ao Porto de Vilagarcía” subliña o voceiro municipal do BNG.

“A prioridade da nova rolda oeste de Caldas debe ser resolver o tráfico de paso que soporta o núcleo urbano, en especial a circulación pesada con orixe e destino nos polígonos industriais de As Veigas de Almorzar e O Pousadoiro, así como das empresas de referencia da comarca” sentenza Manuel Fariña.

Pola súa parte, tanto a senadora do BNG como o deputado nacionalista, comprométense a traballar para que o Goberno do Estado atenda as demandas da veciñanza de Caldas de Reis e aposte por unha alternativa que garanta unha mellor mobilidade e respecte o territorio. Carme da Silva e Néstor Rego avanzan o rexistro de iniciativas para que o executivo, e no concreto o Ministerio de Transportes, recúe, atenda as demandas veciñais e mellore de verdade a mobilidade de Caldas de Reis. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG