Parlamento galego

BNG leva ao vindeiro pleno o “espolio eléctrico”, a transferencia da AP-9, as sancións a Monbus e Alsa e o traspaso de recursos públicos á sanidade privada

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil avanzou que o BNG pedirá a “reprobación e cese inmediato” do director xeral da CRTVG por vulnerar os dereitos  dos traballadores e traballadoras e manipulación informativa para beneficiar ao Partido popular

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou que o BNG levará ao pleno, entre outros asuntos o  espolio eléctrico”, a  transferencia da AP-9, as sancións a Monbus e Alsa por irregularidades no transporte público de Galiza  e o traspaso de recursos públicos  á sanidade privada.

Ademais, o BNG, dixo, pedirá  a “reprobación e cese inmediato” do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo por vulnerar os dereitos  dos traballadores e traballadoras e utilizar o medio publico para  beneficiar ao Partido popular.

Tras a Xunta de portavoces, Rodil enumerou as diversas iniciativas que defenderá o BNG entre as que salientou a pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón ao presidente da Xunta sobre “o espolio eléctrico” en Galiza e que medidas vai aplicar para evitalo. Neste liña, explicou que o “ Partido Popular leva desde 2009 traballando para defender os intereses das empresas eléctricas e en contra dos galegos e das galegas”. Primeiro, dixo, tombaron o decreto eólico do bipartito, que si contemplaba a participación pública  e o PP utilizouno no ano 2009 como “ariete”  electoral dun Feijóo que se abrazou, literalmente,  a Iberdrola na noite electoral.

O PP continuou cunha política contraria aos intereses galegos e mesmo chegou a “perdoar  cartos ás eléctricas“ permitindo que non pagasen polos plans industriais, “Só  Greenalia deixou de pagar máis de 17 millóns de euros ás arcas públicas” e o Partido popular vetou a  comisión de investigación e no  Parlamento  continúa ocultando información sobre esta cuestión, recalcou.

Por outra banda, engadiu a nacionalista,  “impulsaron un canon eólico que cada ano recada menos, que cobra por muíño e que agora que os parques eólicos son de menos muíños pero máis potencia, non queren gravar a potencia”.

Rueda anuncia unha empresa pública privada de enerxía

 Olalla Rodil criticou  que o Partido popular leve anos negándose a calquera forma de participación pública e  votando sistematicamente  en contra da proposta do BNG de crear “unha empresa pública de enerxía” pero agora o propio presidente da Xunta anuncia a creación dunha empresa público-privada sen explicar se a Xunta terá participación maioritaria ou minoritaria e da que nin sequera existe un borrador.

Estamos diante dunha cuestión fundamental, de primeira orde, para o presente e futuro de Galiza. No BNG temos claro que as galegas e galegos merecen, merecemos menos “pitorreo” e sobre todo, menos propaganda e máis seriedade e rigor.

Transferencia da AP-9

Outro dos asuntos que defenderá o BNG é o referido a transferencia da AP-9 coa proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego  en tramitación no Congreso dos deputados.

Nesa tramitación que se leva dilatando no tempo , PP e PSOE presentaron emendas que ameazan con facer descarreirar, unha vez máis, a proposición aprobada de xeito unánime na Cámara galega.

Defenderemos no Pleno unha Proposición non de lei na que “instamos aos grupos políticos con representación no Congreso a que apoien o texto da proposición de lei de transferencia da AP9 nos termos votados de xeito unánime polo Pleno da Cámara galega”.

Interpelacións a Ethel Vázquez e Julio Comesaña

Ante o veto  Partido Popular ás solicitudes de comparecencia que formulamos dende o BNG interpelaremos á conselleira de Infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez e o conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña.

Rodil cualificou de  “auténtico escándalo”, o Plan de Transporte público de Galiza,  sobre o que o  Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordenou incoar un expediente sancionador ás empresas Monbus e Alsa por irregularidades.  O Goberno do Partido Popular afirmou Rodil  “non pode seguir mirando para outro lado” como leva facendo dende hai anos.  

Dende o BNG tamén interpelaremos ao conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña sobre a transferencia de recursos públicos á sanidade privada mentres “achican a sanidade pública”.

Rodil concluíu a súa intervención afirmando que “A saúde das galegas e dos galegos é un dereito, non un negocio”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG