A condena á guerra e o encarecemento dos cursos derivados dela centran a axenda do BNG de cara ao próximo Pleno, na que tamén se inclúe unha declaración institucional traslada xa o resto de grupos da Cámara para que o Parlamento se pronuncie contra a indemnización á familia Franco, porque “suporía compensar economicamente a quen roubou, espoliou e gozou durante décadas dun ben público”.
Así o anunciou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces na que se elaborou a orde do día do vindeiro Pleno, no que se debaterá, a iniciativa dos deputados e deputadas nacionalistas, unha proposición non de lei para condenar a “guerra imperialista” iniciada por Estados Unidos e Israel en Irán e Líbano -con miles de persoas asasinadas neses países- e para defender a paz, a soberanía dos pobos e o dereito internacional.
Diante do impacto que esta agresión militar está a ter tamén na vida dos galegos e as galegas, o BNG reclamou a comparecencia do presidente da Xunta para explicar que medidas ten pensado adoptar diante da “escalada de prezos brutal” que “nos está facendo tremer cada vez que imos encher o depósito da gasolina” e que afecta de xeito notable a sectores estratéxicos da economía galega.
Como o PP vetou a comparecencia, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, aproveitará a quenda de preguntas ao presidente para obter unha resposta porque, criticou Rodil, “o certo é que de momento o seu goberno non fixo absolutamente nada”.
No seu obxectivo de levar ao Parlamento o debate sobre os problemas que de verdade preocupan á cidadanía, o Bloque levará tamén ao Pleno unha iniciativa con tres propostas concretas diante da escalada de prezos. A primeira delas, solicitar ao Goberno do Estado, a quen Rodil afeou o seu “ritmo caribeño”, que bonifique os carburantes para os sectores económicos máis afectados (transporte, pesca e sector agrogandeiro), da mesma maneira que fixo en 2022.
Ademais, a proposta nacionalista inclúe solicitar á Xunta un fondo de garantías loxísticas para exportadores con avais do 100 % para créditos de liquidez destinados a cubrir sobrecustos imprevistos en frontes internacionais, especialmente para pemes e empresas de capital galego, tal e como explicou Rodil.
A terceira proposta do Bloque pasa pola creación dunha mesa de avaliación da crise como órgano de seguimento e diálogo na que estean, ademais das administracións, as empresas, as organizacións sindicais e as universidades.
Soberanía enerxética, tarifa eléctrica
No mesmo sentido, explicou a viceportavoz, o BNG formulará unha interpelación sobre enerxía, “para abordar a cada vez máis necesaria soberanía enerxética de Galiza” e, especialmente, o abaratamento dos custos da enerxía tanto para as familias como para as empresas afincadas no País a través dunha tarifa eléctrica galega, proposta que o BNG leva defendendo desde hai tempo e que é, destacou Rodil, “unha medida realista, perfectamente legal e perfectamente asumible”.
Xa noutro orde de cousas, o Parlamento debaterá no próximo pleno a moción rexistrada polo BNG despois da condena Xunta por desprotexer ilegamente a contorna da serra do Careón. “O enésimo chanchullo do PP para favorecer os intereses de Altri”, advertiu a deputada nacionalista, esixindo mais unha vez o PP que faga pública toda a documentación sobre esta modificación legal e tamén o acordo secreto asinado coa pasteira, a través da extinta Sociedade Impulsa, en outubro de 2021.
Meirás, un gran logro colectivo
O terceiro gran asunto que o BNG presentará ao Pleno é unha declaración institucional, adiantada xa o resto de grupos, para que o Parlamento galego recoñeza como “feito histórico” e “un gran logro colectivo do pobo galego” a recuperación da titularidade pública do Pazo de Meirás, logo da sentencia do Supremo.
Unha declaración institucional que no seu segundo punto reclama o rexeitamento do Parlamento galego á indemnización á familia Franco porque, destacou Olalla Rodil, suporía compensar economicamente a quen “roubou, espoliou e gozou” durante décadas dun ben público.
Rodil apelou ao consenso dos grupos parlamentarios e lembrou que xa no 2017 a Cámara aprobou por unanimidade reclamar a recuperación para o patrimonio público do pazo “sen que implique un novo custo para o pobo galego, que xa o asumiu en 1938”.
A proposta de declaración presentada polo BNG apoia tamén a transferencia a Galiza do pazo e pide, entre outras cuestións, velar pola xestión compartida (Xunta, Goberno central e Concello de Sada), garantindo a participación da sociedade galega na definición dos usos e na xestión do espazo recuperado, “que debe estar centrado na recuperación da memoria histórica e democrática do pobo galego”.
En resposta ás preguntas dos xornalistas, Rodil considerou que “o lóxico” sería non só rexeitar a indemnización aos Franco, senón tamén reclamarlles por unha ocupación que foi ilegal e que non se axustou a dereito. “Cremos que os Franco deberían pagarlle ao pobo galego, pero tamén somos conscientes do Estado no que vivimos, e de como se fixo a Transición, cunhas consecuencias que aínda hoxe están pagando os bisnetos das familias represaliadas e asasinadas pola ditadura”, afirmou. “Aquí non se fixo xustiza democrática”, concluíu.