O BNG levará ao pleno da vindeira semana o exterminio en Gaza, a través dunha proposición non de lei para que todos os grupos políticos teñan que posicionarse e votar unha condena “rotunda, clara, contundente e concisa ao xenocidio que está cometendo o Estado criminal de Israel contra o pobo palestino.
Así o anunciou a viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, na rolda de prensa posterior á Xunta de portavoces, onde lle preguntou ao PP porque se nega a chamarlle xenocidio.
“Que problema ten o Partido Popular para seguir apoiando un Estado criminal, negándose non só a condenalo senón tamén criminalizando as protestas cidadás que están percorrendo todo o planeta, tamén en Galiza, para denunciar e intentar frear desde a acción civil esta barbarie?”, preguntou.
Afirmou que o BNG ten claro desde que lado está, ao igual que o pobo galego, de quen dixo estar “actuando con dignidade, coma sempre, con solidariedade co resto dos pobos, non só freando unha competición, senón poñendo o foco nesa normalidade na que se instala a impunidade do Estado de Israel”, dixo, lembrando que fora precisamente a mobilización social, a sanción e os boicots aplicados desde os Estados os que acabaron co Apartheid en Sudáfrica.
Rodil indicou que, malia que as cifras oficiais falan de 70.000 palestinos e palestinas mortas, “a relatora das Nacións Unidas afirma que son moitísimas máis as que están morrendo “non só baixo as bombas e a metralla”, tamén “a través da utilización da fame como arma de guerra”.
“Estase usando a fame para acabar cun pobo diante dos ollos de todo o mundo”, afirmou, volvendo preguntarlle ao PP “que é o que ten que pasar para que condene publicamente o xenocidio de Israel, se poña do lado da humanidade, do dereito internacional e do pobo palestino e contribúa a frear ese estado criminal e ese réxime xenocida”.
Comisión de investigación sobre os lumes
O BNG tamén levará a Pleno a prosposta da creación dunha Comisión de Investigación para determinar que fallou na vaga de incendios do mes de agosto para que se acabasen convertendo nunha das maiores catástrofes ambientais, sociais e económicas do País.
Olalla Rodil afirmou que a comisión ten que servir para aclarar por que había “menos medios este verán para apagar os incendios que hai desde as seis anos” ou por que houbo “decisións erráticas” dentro da dirección do dispositivo que fixeron que bombeiros de Lugo, por exemplo, “fosen retirados da loita contra os incendios, e logo, cando se fixo público, unha contraorde para volver a poñelos a traballar”.
Tamén é preciso esclarecer “por que había 300 prazas sen cubrir no medio da vaga de lumes”, ou “por que houbo motobombas paradas, por que non había quen as puidese conducir, mentres moitas aldeas non tiñan máis medios que as cisternas e os batelumes dos veciños para poder enfrontar as lapas”, recriminou.
Ademais, o BNG levará a Pleno dúas mocións con medidas de carácter estrutural e integral para recuperar as zonas ardidas, para asentar as bases dunha política de ordenación e de xestión tanto do monte como do territorio, especialmente dos espazos naturais, co obxectivo de protexer o noso País e as galegas e galegos das vagas de incendios.
“Temos que cambiar as políticas, por que obvio e evidente que a política forestal do Partido Popular para o medio rural tróuxonos ata aquí; e vimos cales son as consecuencias agravadas polo cambio climático, que hai que facerlle fronte canto antes”, apremiou.
A defensa dos servizos públicos e dunha vellez digna
Como terceiro punto fundamental nas propostas do Bloque para o vindeiro Pleno, está a defensa dos servizos públicos. Poñerá o foco na falta de recursos na comunidade educativa, especialmente na atención ás necesidades educativas especiais, pero tamén na perda de dereitos por parte do profesorado.
Nunha interpelación sobre sanidade, o Bloque abordará o tema da falta de médicos nos centros de saúde ou o colapso das urxencias.
Por último, a pregunta ao Presidente da Xunta tamén versará sobre dereitos, servizos públicos e vellez digna. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntaralle a Alfonso Rueda sobre as medidas de protección e seguridade no traballo que vai adoptar o seu Goberno para que ningunha muller volva perder a vida desempeñando un servizo esencial como o de axuda non fogar, despois de que a coidadora Teresa de Jesús fose asasinada mentres estaba traballando nun domicilio en Porriño.
“O único que fixo o Partido Popular pouco menos é que votarlle a culpa a ela, como vimos na anterior sesión plenaria nunha intervención absolutamente indecente da portavoz do Partido Popular”, criticou Rodil.