Congreso

BNG leva ao Congreso unha Proposición de Lei para reducir a xornada laboral a 35 horas semanais

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego chama o resto de grupos a apoiar a toma en consideración e abrir o debate para avanzar en dereitos laborais e sociais

A iniciativa do BNG nútrese das contribución da CIG que pretende, ademais de conquistar dereitos, abrir camiño cara a xornada de 32 horas e 4 días á semana

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no pleno do Congreso unha Proposición de Lei para reducir a xornada laboral máxima legal ás 35 horas semanais, unha medida que, segundo a formación nacionalista, suporía un avance social e laboral decisivo e abriría o camiño cara á xornada de 32 horas e catro días á semana. O debate e votación da proposta nacionalista será a vindeira terza feira, 14 de outubro, que buscará o apoio do resto de formacións para que sexa tomada en consideración pola cámara baixa.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, será o encargado de defender esta iniciativa, coa que o Bloque pretende situar no centro do debate político a mellora das condicións de vida e traballo da clase traballadora. Rego chama o resto de grupos parlamentarios a tomar en consideración a proposta e abrir o debate sobre a redución da xornada laboral “como unha cuestión de xustiza social e de progreso”.

“A redución da xornada é unha medida de sentido común. Os avances tecnolóxicos e o aumento da produtividade fan posíbel traballar menos horas sen perda salarial, mellorando a saúde, a conciliación e a igualdade” afirma o deputado nacionalista.

A iniciativa do BNG, elaborada a partir das demandas da Confederación Intersindical Galega (CIG), enmárcase na loita histórica polos dereitos laborais e ten como obxectivo garantir unha mellor distribución do traballo, favorecer a conciliación da vida laboral e persoal e combater o desemprego estrutural, especialmente entre a mocidade.

Entre as principais medidas que recolle a Proposición de Lei destacan a fixación da xornada máxima legal en 35 horas semanais, sen redución salarial, así como o límite efectivo ás horas extraordinarias e mellora do rexistro de xornada.

“Garantía de mínimos de 20 horas en horario continuado para contratos a tempo parcial, limitación a 15% do persoal do uso deste tipo de contratos e revalorización salarial dos contratos parciais e derrogación da distribución irregular imposta pola patronal” engade o deputado do BNG no Congreso.

Rego sinala que “o modelo actual de xornadas longas é insostíbel, porque deteriora a saúde, dificulta a conciliación e mantén desigualdades de xénero, xa que son as mulleres quen asumen maioritariamente as tarefas de coidados”. O deputado nacionalista enfatiza que “a redución da xornada laboral é tamén unha ferramenta eficaz para repartir o emprego e frear a precariedade”.

O BNG lembra que experiencias internacionais en países como Alemaña, Francia ou Islandia demostran que traballar menos horas non implica perda de produtividade, senón o contrario: “Producir mellor con menos tempo é posíbel, e é o camiño para unha sociedade máis xusta” conclúe Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG