Congreso

BNG leva ao Congreso a exclusión da CIG da cimeira europea sobre traballo en Compostela

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego considera inaceptábel o comportamento do Ministerio de Traballo cunha central que é a primeira forza sindical da Galiza e ten a condición legal de “máis representativa” a nivel estatal

A frente nacionalista empraza a Yolanda Díaz a “pór fin á longa listaxe de discriminacións” coa Central sindical nacionalista e a asegurar a participación desta  “en todos os ámbitos que lle corresponden”

No marco da presidencia española do Consello da Unión Europea (UE), o 21 de setembro de 2023, decorreu en Santiago de Compostela a Conferencia Tripartita sobre traballo e o Evento “O futuro do traballo e do diálogo social”. Nese contexto estaba prevista a participación do Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, mais no propio día recibiu unha chamada telefónica do Secretario de Estado de Emprego comunicándolle que quedaba anulada a súa participación no evento, alegando que se trataba dunha petición da Confederación Europea de Sindicatos, de que fan parte CCO e UXT. O BNG considera este feito “inaceptábel” e unha grave discriminación coa primeira forza sindical da Galiza.

No día 19 de setembro, a Subdirección Xeral de Relacións Internacionais Sociolaborais -pertencente ao Ministerio de Traballo e Economía Social- confirmaba mediante correo electrónico a participación do Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, na reunión tripartita e máis concretamente nun debate baixo o título de “O modelo social europeo no amplo e diverso contexto internacional”, con Luka Mesec (Viceprimeiro Ministro e Ministro de Traballo de Eslovenia), Valeria Ronzitti (Secretaria Xeral de SGI Europe), Manuela Tomei (Subdirectora Xeral de Gobernanza, Dereitos e Diálogo da OIT), Stefano Scarpetta (Director de Emprego, Traballo e Asuntos Sociais da OCDE). Esta participación aparecía incluída e publicitada en toda a documentación oficial do evento, figurando o nome do Secretario Xeral da CIG xunto ao resto de participantes no citado painel.

No entanto, o propio día en que estaba previsto o debate, a poucas horas de dar comezo o acto, Paulo Carril recibe unha chamada telefónica do Secretario de Estado de Emprego en que lle comunicaba que ficaba anulada a súa participación no evento, alegando que se trataba dunha petición da Confederación Europea de Sindicatos, de que fan parte CCOO e UXT.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera “completamente inxustificábel este feito, pois supón un claro veto por parte do Ministerio á participación da CIG nun acto ao que previamente fora convidada e no que se confirmara a súa presenza e unha clara discriminación coa primeira Central Sindical da Galiza que ademais ten a condición de máis representativa a nivel estatal. Alguén pode imaxinar que nun acto institucional non se permitise a participación da primeira forza política da Galiza en canto son convidadas a segunda e a terceira? Pois isto é o que acaba de facer o Ministerio de Yolanda Díaz coa  representación dos traballadores e traballadoras galegas. É simplemente inaceptábel”·

O BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso en que exixe ao Ministerio de Traballo que explique as razóns desta exclusión e que presente as súas desculpas a Paulo Carril e á Confederaciön Intersindical Galega por unha actuación que discrimina millares de traballadores e traballadoras galegas representadas pola CIG. Ao mesmo tempo, o deputado nacionalista lembra que a CIG, por ter a condición de “máis representativa” a nivel estatal fai parte -xunto com CCOO, UGT e a vasca ELA- do Consello Económico e Social do Estado, “a pesar do que é sistematicamente excluída do chamado diálogo social, polo que empraza Yolanda Díaz a “pór fin á longa listaxe de discriminacións” coa Central sindical nacionalista e a asegurar a participación desta  “en todos os ámbitos que lle corresponden”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG