Congreso

BNG lamenta o veto dos partidos estatais á recuperación e ampliación dos dereitos laborais

Néstor Rego
Néstor Rego

PSOE, PP, VOX e C´s votan en contra da Proposición de Lei conxunta de BNG, ERC e EH Bildu mentres que UP se abstén

“PSOE e UP desaproveitan esta ocasión para derrogar de verdade a Reforma Laboral do PP, rematar co legado tóxico dos gobernos conservadores e cumprir coas súas promesas e compromisos” denuncia Rego

 

O pleno da cámara baixa rexeita a Proposición de Lei conxunta de BNG, ERC e EH Bildu para recuperar e ampliar dereitos laborais, cos votos en contra de PSOE, PP, VOX, C´s e a abstención de Unidas Podemos. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamenta que PSOE e UP desaproveitasen esta ocasión para derrogar de maneira íntegra a Reforma Laboral do PP de 2012, rematando co legado tóxico dos gobernos conservadores, e incumpriran novamente unha das súas promesas electorais.

A Proposición de Lei, presentada e defendida conxuntamente polo BNG, EH Bildu e ERC, procuraba a introdución de aspectos ausentes na lexislación vixente desde decembro de 2021, así como recuperar os dereitos laborais perdidos coas sucesivas Reformas Laborais aprobadas polos goberno estatais. En especial, destacaron, cuestións básicas e prioritarias relativas á protección frente aos despedimentos e á loita contra a precariedade no ámbito do traballo.

Néstor Rego
Néstor Rego

“A propia Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aseguraba neste hemiciclo hai tres semanas que era moi fácil e barato despedir e que isto era inxusto. Deberá explicar por que, no momento en que tivo oportunidade de derrogar a Reforma Laboral do PP, non o fixo” apuntou o deputado do BNG no Congreso. De facto, após a votación da toma en consideración desta Proposición de Lei, Néstor Rego lamentou a “oportunidade perdida” de PSOE e UP para cumprir as súas promesas electorais e os compromisos adquiridos ao longo da lexislatura para “derrogar de maneira íntegra esta Reforma”.

PSOE e UP desaproveitan esta ocasión para derrogar de verdade a Reforma Laboral do PP

Mais, segundo sinala o deputado nacionalista, PSOE e UP está a ter fondas dificultades en cumprir as promesas que realizaron á cidadanía. “Vímolo hoxe, co debate e votación da reforma da Lei Mordaza, en que PSOE e UP estiveron máis preocupados por lle comprar o relato á dereita propondo unha simple maquillaxe para non derrogala de maneira íntegra, mantendo os seus aspectos centrais” asevera.

“O BNG comprometeuse a ser a forza política que defendera os intereses dos galegos e galegas, do conxunto das clases populares. Presentámonos defendendo a derrogación da Reforma Laboral e a Lei Mordaza entre outras cuestións. Votamos no seu día en contra na convalidación do Real Decreto-Lei 32/2021 precisamente porque non derrogaba a Reforma Laboral do PP e, en coherencia, agora presentamos esta Proposición de Lei para recuperar realmente os dereitos dos traballadores e traballadoras” afirma.

Na Proposición de Lei conxunta para a recuperación e ampliación de dereitos laborais, as organizacións nacionalistas destacan da súa proposta mudanzas como a modificación das causas de despedimento, a recuperación da indemnización de 45 días por ano, a recuperación dos salarios de tramitación, a reinstauración da autorización administrativa en caso de despedimento colectivo, novas medidas para combater a precariedade, a parcialidade e a inestabilidade no traballo, modificacións no ámbito da subcontratación para unha equiparación real de dereitos e unha fortalecemento da negociación colectiva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG