BNG lamenta que o Goberno do Estado non estabeleza un tope ao prezo do litro de combustíbel

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego denuncia que no novo paquete de medidas contra a crise fican excluídos os produtos pesqueiros da baixada do IVE anunciada polo executivo estatal, medida que promovería o consumo destes alimentos e facilitaria que millóns de persoas puidesen acceder a unha dieta máis sá e equilibrada

A frente nacionalista aposta por reformas estruturais no mercado eléctrico e por que a eliminación da bonificación de 20 céntimos/litro nos combustíbeis fose substituída por un tope no prezo ás persoas consumidoras finais á custa dos escandalosos lucros das enerxéticas

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de ambición do Goberno do Estado ante o novo paquete de medidas que, máis unha vez, non contempla reformas estruturais. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, recrimina a renuncia do executivo en topar o prezo final dos combustíbeis –unha vez que  quita a bonificación de 20 céntimos por litro en 2023- ou a exclusión dos produtos pesqueiros, hoxe cun IVE de 10%, da baixada ou eliminación deste imposto a algúns alimentos básicos.

O sexto paquete de medidas ante a crise social económica provocada pola suba descontrolada dos prezos anunciado polo Goberno do Estado non acaba de convencer a frente nacionalista. A pesar de que o BNG valora de maneira positiva a ampliación para 2023 de determinbadas medidas de protección social ou o cheque de 200€ a familias que teñan rendas máis baixas, sinala a anulación dalgunha medida, como a bonificación do litro de combustíbel, sen solución alternativa, o que fará máis difícil á clase traballadora facer fronte a esta situación de crise .

“O Goberno decide cancelar a bonificación dos combustíbeis en 2023; unha medida que era claramente insuficiente, mais que servíu ás clases populares e sectores como a agricultura, a pesca ou o mundo do transporte” denuncia o deputado do BNG. Néstor Rego entende que a bonificación de 20 céntimos con carácter xeral podía e debía ser substituída por outra máis eficaz no control dos prezos e máis xusta socialmente, como o estabelecemento dun tope ao prezo do litro para as persoas consumidoras finais, sen compensación ás empresas enerxéticas.

“As grandes enerxéticas estiveron obtendo lucros escandalosos nestes anos de crise, polo que o tope aos prezos -como se fixo coa bombona de butano- non só é posíbel, senón necesario. Pola contra, o Goberno opta por eliminar a bonificación sen alternativa, abocando as clases populares a enfrontar unha suba do custo do combustíbel en moitos casos inasumíbel, pois encher depósito de combustíbel custará entre 10 e 15 euros máis”, salienta Rego.

Por outra banda, a organización nacionalista denuncia a falta de compromiso do Goberno do Estado coas familias e as clases populares ao non contemplar no Real Decreto a baixada do IVE a produtos como o peixe a 0%. “Levamos meses, mesmo anos, defendendo a necesidade de baixar o IVE aos produtos do mar –entre outros- para facilitar o acceso ao seu consumo a máis persoas, o que suporía un factor positivo para a saúde de toda a poboación e repercutiría de maneira positiva nun sector tan importante na Galiza como o pesqueiro” destaca o deputado do BNG.

Para Rego, o Goberno do Estado debería favorecer a adquisición destes alimentos básicos, que achegan unha proteína saúdábel para que a poboación poida gozar dunha dieta sá e  equilibrada, tal e como diferentes autoridades e organizacións da saúde como a OMS ou a FAO indican. Mesmo, cando son produtos de primeira necesidade, que aínda manteñen o IVE en 10% e que subiron o prezo de maneira descontrolada nos últimos meses.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG