Parlamento Galego

BNG lamenta a falta de vontade negociadora do PP para chegar a acordos sobre saúde mental, dependencia, vivenda ou mocidade

Olalla Rodil
Olalla Rodil

“Unha vez máis vemos ao PP de sempre, o que aplica o seu rodete absolutista” e veta todas as propostas do Bloque para que Galiza avance

O BNG, que mantén a man tendida para ofrecer solución aos problemas reais da xente, ofrece consenso a través de trece propostas de transacción

A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, lamentou “profundamente” a falta de diálogo e de vontade negociadora que está amosando o Partido Popular de cara a última xornada do Debate do Estado da Nación, na que se debaterán as propostas de resolución de cada grupo.

O BNG presentou até trece ofertas de transacción coa vontade de chegar a acordos sobre os temas que de verdade preocupan ás galegas e aos galegos, para mellorar as condicións de vida da xente e facer que Galiza avance. Porén, o PP non ten amosado vontade de achegar posturas e ao longo desta tarde xa dixo non a acordos en temas de tanta relevancia como a saúde mental, dependencia, vivenda, infancia, lingua ou mocidade.

“O único que estamos recibindo por parte do PP é un non tras non tras non... un non a todo o que signifique avanzar en dereitos e en mellores condicións de vida para a xente deste País”,  subliñou Rodil, para quen nestas negociacións “estamos vendo unha vez máis o PP de sempre, que aplica o seu rodete absolutista e que é incapaz de chegar a acordos en beneficio das galegas e galegos”.

Acordos para os que o Bloque tivo a man tendida, por exemplo, para mellorar a atención do Servizo de Axuda no Fogar. Xusto o día no que o Ministerio de Dereitos Sociais fixo públicos datos que sitúan a Galiza como a cuarta comunidade de todo o Estado na que máis se agarda pola axuda da dependencia —393 días de espera e máis do dobre do que marca a lei—, o PP rexeitou negociar unha mellora da financiación deste servizo, tal e como propuxo o BNG.

De igual xeito, o PP dixo xa non a cuestións como a gratuidade dos libros de texto, a ampliar os recursos nos centros educativos para a atención á diversidade ou mellorar o financiamento das universidades. Tampouco amosou vontade de acordo en cuestións relacionadas coa vivenda, a administración local, pesca ou violencia machista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG