BNG insta á Xunta a poñer en marcha unha programación propia e garantir o acceso público e gratuíto á illa de San Simón

Carmela González
Carmela González
Carmela González denuncia o incumprimento das condicións da concesión e uso da Illa  para fines lucrativos de empresas privadas e reclama a elaboración dun Plan de usos que respecte a memoria e historia da Illa de San Simón

A deputada do BNG, Carmela González instou hoxe á Xunta de Galiza “a poñer en marcha unha programación propia e garantir o acceso público e gratuíto á Illa de San Simón”.

A través dunha pregunta parlamentaria, a nacionalista alertou do incumprimento das condicións da concesión da Illa  e a súa utilización para fines lucrativos. Neste sentido, lembrou que nos meses de agosto e setembro foi programado el Camino Hacia la Isla Interior, patrocinado pola Xunta e Xacobeo 2021-2022 “totalmente en castelán, por certo”. A estadía na Illa de San Simón durante os días 24,25 e 26 de setembro de 2021 incluía actividades de ioga e meditación, transporte en barco de ida e volta e hospedaxe no hotel en pensión completa por 350 euros.

A deputada explicou que as actividades contemplaban outras alternativas como Ioga & Brunch Illa de San Simón (raw yoga) por 55 euros, ou Ioga & Meditación San simón Venres 20 de agosto 17 a 20.30 h (rawyoga) por 21 euros, co traslado en barco incluído.

Noutros anos, dixo a deputada, foron organizadas por empresas privadas actividades como: Xincanas, campamentos, procuras de tesouros, visitas con cea e mesmo a intención de celebrar un Hallowen coincidindo co día de defuntos baixo o lema: “Un Samaín de miedo en la Isla de San Simón”. A xuízo da nacionalista, a celebración representaría  un claro exemplo de “burla e desprezo aos miles de presos que sufriron verdadeiro terror, tortura, enfermidade e morte en San Simón”. A illa, reiterou “non pode ser convertida nun parque temático”.

A Xunta, remarcou, Carmela González incumpre as condicións da concesión outorgada polo Ministerio de Medio Ambiente, actual MITECO. A illa é de titularidade do estado, e foi cedida a xestión á Xunta en 1997 por 30 anos na que se establece como uso principal o “docente e cultural” e sen autorizar o uso hoteleiro aberto ao público polo tanto a residencia Stella Maris non poderá destinarse a usos habitacionais con excepción de puntuais aloxamentos de profesorado e conferenciantes dos cursos e actividades que se impartan.

Ademais, o uso da Illa debe ser “público e gratuíto”  e non como agora que na práctica está “privatizada” e sen “ningún criterio” para unha programación que respecte a historia da Illa. San Simón dixo, “non é a illa de Ons nin as Cies” e ademais dos valores ambientais conta cunha historia de séculos que a converte nun lugar de especial interese. Dende a Asociación da Memoria e dende o BNG levamos moito tempo reclamando  “un Plan de usos” no que a  memoria histórica, a represión e a loita antifranquista teña un papel central.

A deputada rematou a súa intervención preguntando quen asume os gastos de vixilancia, consumo enerxético e outros servizos na organización das actividades lucrativas e se o Plan Especial de Protección de sitio histórico contempla as Illas de San Simón e San Antón porque a lei de Patrimonio cultural de Galiza non protexe o sitio histórico.

Tras a intervención do Secretario xeral de Cultura,  Anxo Lorenzo que negou as acusacións da deputada do BNG sobre actividades lucrativas de empresas privadas  na Illa, a nacionalista amosou diversos anuncios publicitarios confirmando as súas denuncias.

 Carmela González reiterou que a Illa de San Simón debe contar cunha programación propia polo seu valor histórico e de memoria e as actividades lucrativas deben cesar dando paso  a un uso público e gratuíto ao lugar histórico.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG