O BNG insta á Xunta no Parlamento a solicitar do Estado o indulto para López Pintos, exsindicalista na comarca de Ferrol

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández asegura que as razóns precisas para adoptar a medida concorren neste caso, mais a iniciativa non prospera polo veto do PP e a abstención do PSOE
O BNG insta á Xunta no Parlamento a solicitar do Estado o indulto para López Pintos, exsindicalista na comarca de Ferrol

BNG instou á Xunta no Parlamento galego a solicitar ao Goberno estatal con carácter inmediato o indulto para Xesús Anxo López Pintos, exsecretario comarcal da CIG en Ferrol, condenado pola Audiencia Provincial da Coruña a unha pena de seis meses e un día de prisión, segundo a sentenza xudicial, por delito de atentado contra axente da autoridade durante unha protesta polas políticas do PP, sentenza que vén de ser confirmada polo Tribunal Supremo.

Logo de referirse á campaña social que están a desenvolver as centrais maioritarias da comarca ferrolá para solicitar o indulto, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, lembrou que os feitos acontecidos o 4 de outubro de 2012 tiveron lugar no marco dunha concentración convocada, dun xeito espontáneo, polos comités de empresa de Poligal e de Navantia e que á mesma acudiron unhas 300 persoas de toda cor política e sindical, na que cualificou como “unha acción plural contra a política dos gobernos do PP -que naquel momento gobernaba no Concello de Ferrol, na Xunta e tamén no Estado-, denunciando a continua propaganda sen contido para a comarca e reivindicando solucións reais para os seus sectores produtivos, nomeadamente para o naval e a empresa Poligal”.

Segundo subliñou o deputado do Bloque a detención de Pintos “produciuse ao final da concentración de forma absolutamente violenta e arbitraria, nunha acción policial claramente dirixida contra esta persoa, que foi buscada entre a multitude por ser quen era, por ser Pintos, naquela altura un dirixente sindical de grande prestixio entre a clase traballadora da comarca de Ferrol”.

Ao seu xuízo, o exercicio do dereito ao libre exercicio sindical, o dereito individual básico, “mais tamén a propia militancia sindical como actividade colectiva necesaria na nosa sociedade, foi atacado, premeditadamente atacado a noite do 4 de outubro de hai 10 anos” e, neste sentido, asegurou que “alguén decidiu castigar aquela noite a militancia e a entrega sindical dun xeito exemplarizante”.

O portavoz nacionalista de Industria recordou que para a concesión dun indulto será necesario que concorran en favor do condenado razóns de xustiza, equidade ou utilidade pública, segundo recalcou, “as tres concorren neste caso”. Fernández considerou que a decisión que debe tomar o Goberno respecto do posible indulto a López Pintos “ten que estar loxicamente motivada e atender a unha perspectiva política e social”, mentres que a utilidade pública da súa decisión “debe medirse polo efecto que proxecta sobre os intereses colectivos ou xerais, e pola transcendencia que presenta a súa adopción para o común dunha sociedade, máis aló das repercusións particulares”.

Nesta liña, indicou que o cumprimento efectivo da pena de prisión xeraría un sufrimento innecesario a Pintos e á súa familia, “máxime cando a día de hoxe leva xa tempo en situación de xubilación e os feitos ocorreron hai case dez anos” e engadiu que o PP retirou no seu día a denuncia contra o exsindicalista polo que considerou “totalmente contraditorio poñer paus nas rodas desta solicitude”. “Pode ser unha oportunidade para o PP de reparar o que está a facer nos concellos da comarca, onde está a ser a única forza política que vota en contra das mocións presentadas en apoio a Pintos, coa excepción de Cedeira, onde se aprobou por unanimidade”, apelou.

O deputado do Bloque por Ferrolterra recordou tamén que dende 1996 concedéronse no Estado español 10.702 indultos, o 65% concedido por gobernos do PP, e afeou que desta porcentaxe, o 44% se corresponde con delitos denominados de “cuello blanco”, entre os que destacan os cometidos contra a saúde pública, incluídos os de tráfico de drogas.

Logo de confrontar estes datos, Fernández instou ao PP a rectificar a súa posición no caso do exsindicalista, mais o Partido Popular rexeitou a iniciativa na que o PSOE decidiu absterse.
 

O BNG insta á Xunta no Parlamento a solicitar do Estado o indulto para López Pintos, exsindicalista na comarca de Ferrol