Parlamento Galego

BNG insta á Xunta a financiar a recuperación pública da antiga fábrica da Cros do Burgo

Iria Taibo
Iria Taibo
Iria Taibo lamenta que o PP bloquee unha iniciativa para priorizar o uso social do emblemático espazo fronte á súa cesión a unha empresa privada

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, lamenta profundamente que o PP rexeitase na Comisión de Industria a Proposición Non de Lei coa que o BNG instaba á Xunta a apoiar economicamente a recuperación das instalacións da antiga fábrica da Cros.

Esta iniciativa xorde en resposta ao anuncio de que o goberno local de Culleredo volverá levar ao Pleno municipal a proposta de ceder en concesión demanial directa os terreos da Cros á Fundación CETIM (Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial), un proxecto que xa foi rexeitado no pleno do concello no 2024.

A deputada nacionalista recordou que os terreos, que se estenden por 15.000 metros cadrados en dúas parcelas de titularidade pública, son un "espazo emblemático da ría do Burgo" que "poderían servir para usos públicos, e seren aproveitados así por toda a veciñanza de Culleredo e da área, como corresponde por tratarse de patrimonio público". O rexeitamento anterior baseouse precisamente na cesión deste patrimonio a unha entidade privada.

A pesar de que o Concello alega un "consenso" coa Xunta e a Deputación para acceder a subvencións de até 10 millóns de euros para dotación de centros tecnolóxicos, o BNG pon en cuestión a idoneidade de ceder un ben público a unha empresa privada que declara unha facturación anual de 6 millóns de euros. Taibo salientou que esta información, visible na súa páxina web, desapareceu recentemente da mesma.

A Proposición Non de Lei presentada buscaba, polo tanto, reorientar o destino do espazo. No canto de facilitar a súa adxudicación directa a unha entidade privada, insta ao Goberno galego a destinar fondos para a súa rehabilitación e posta en valor como equipamento público, garantindo que o seu proveito reverta directamente na cidadanía.

Un futuro incerto para un patrimonio da veciñanza

Co bloqueo da única iniciativa parlamentaria que abogaba por un modelo público, o futuro da Cros queda novamente en suspenso. O BNG advertiu de que sen o apoio explícito da Xunta, o risco de que os terreos sigan abandonados ou se acaben cedendo a intereses privados aumenta considerablemente.

"O PP, co seu voto en contra, ponse do lado da privatización dun patrimonio público. Nós, pola nosa banda, seguiremos a loitar desde todas as institucións para que a Cros sexa recuperada para a xente de Culleredo e de toda a comarca, como corresponde a un espazo con tanta historia e valor simbólico", concluíu Taibo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG