O deputado do BNG Iago Tabarés acusou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, de “cruzar todos os límites do admisible” ao utilizar ás vítimas da violencia machista na política de confrontación do PP na Xunta co Goberno central. “As mulleres que sofren violencia de xénero non poden pagar a submisión de Rueda aos intereses do PP madrileño”, advertiu o portavoz de Xustiza do Bloque no Parlamento.
Tabarés reclamou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que desautorice de inmediato ao conselleiro tras anunciar este unha posible retirada da protección que presta agora a Unidade de Policía Adscrita de Galiza a centenares de vítimas de violencia machista. No mesmo sentido, emprazou a Rueda a garantir que esa protección vai seguir prestándose.
Segundo a última memoria da Unidade de Policía Adscrita, durante 2024 un total de 649 mulleres vítimas de violencia foron obxecto de protección por parte desta sección, cunha media de 320 diarias, sendo 355 o número de mulleres protexidas no momento do peche do ano. Cifras, destaca Tabarés, que reflicten a gravidade das declaracións feitas polo titular de Presidencia.
“O conselleiro Diego Calvo vén de cruzar todos os límites do admisible na estratexia de radicalización do PP na súa confrontación co Goberno do Estado”, subliñou o deputado nacionalista, que lembra que o Partido Popular na Xunta, seguindo as “instrucións” de Génova, renunciou á creación dun corpo de Policía Galega similar ao que xa teñen Euskadi, Cataluña, Navarra ou Canarias, tal e como defende o BNG.
Segundo o deputado do Bloque, a situación actual no corpo adscrito, que se atopa “baixo mínimos”, xorde tanto do incumprimento das previsións estatuarias que permiten que Galiza conte cun corpo de Policía propio como da “incapacidade” do actual conselleiro, Diego Calvo, e de quen hoxe é presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para chegar a un acordo co Ministerio do Interior para renovar o convenio sobre a adscrición cunha sección da Policía a Galiza.
Un convenio que, salienta, venceu xa a finais do 2008, polo que “ten que ser negociado agora pero que tamén poido ser negociado co Goberno do Partido Popular”.
O BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego na que, ademais de reclamar a desautorización do anunciou de Calvo, empraza o Executivo de Rueda a adoptar todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das mulleres que “agora ven aumentada as súa preocupación pola eventual perda das medidas de vixilancia e protección”.