CONGRESO

BNG insta o Goberno español a adquirir máis dunha vacina

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego sinala que, a pesar de existiren 6 vacinas na fase III e unha aprobada, o Goberno español só negociou unha delas, a da Universidade de Oxford e a farmacéutica AstraZeneca, que ademais encontrou dificultades que obrigaron a deter os ensaios, "o que demostra que foi unha má decisión colocar todos os ovos na mesma cesta".

O  BNG considera que o fundamental nestes momentos é dar cunha vacina eficaz, segura e que estea dispoñíbel canto antes para salvar vidas. O país de procedencia debe ser absolutamente secundario, polo que insta o goberno a negociar ensaios e/ou adquisición tamén da vacina rusa e das chinesas.

O deputado nacionalista ve inadmisíbel que o Estado español dea prioridade a prexuízos ideolóxicos ou determinados intereses económicos e xeoestratéxicos fronte á vida de decenas de miles de persoas.

BNG insta o Goberno español a adquirir máis dunha vacina

O BNG vén de presentar dúas iniciativas no Congreso (Proposición Non de Lei e Preguntas para resposta escrita) para instar o Goberno español a mudar a estratexia seguidista da UE en materia de ensaios e adquisición das vacinas contra a COVID-19. Segundo informou o Ministerio de Sanidade, até o momento só se negociou a adquisición da vacina producida pola Universidade de Oxford e a farmacéutica AstraZeneca. No entanto, segundo informa a Organización Mundial da Saúde (OMS, neste momento dos 180 proxectos de vacina en que se está a traballar, existen 6 en fase III (tres de laboratorios chineses, un norteamericano, un británico e outro dun consorcio xermano-estadounidense-chinés) e unha vacina xa aprobada, a lanzada polo Instituto de Epidemioloxía Nikolái Gamaleia.

Máis de 75 publicacións internacionais e 250 estudos clínicos apuntan cara á eficacia e seguranza da vacina rusa, coñecida como Sputnik-5. Segundo os seus descubridores, a vacina demostrou unha inmunoxenicidade estábel e protexerá contra a COVID-19 por un prazo de até dous anos.

Tendo en conta, aliás, que a vacina de Oxford e AstraZeneca se achou con dificultades que obrigaron a deter os ensaios clínicos, Néstor Rego considera que é inxustificábel que o Goberno español só negociase esa vacina e desprezase a posibilidade de realizar ensaios coas vacinas rusa e chinesas para obter datos propios de cara á posíbel adquisición. Para o deputado nacionalista, cando se trata de salvar vidas cómpre deixar de lado razóns de índole política que, na súa opinión estaría detrás do seguidismo en relación coa UE que levou só a considerar a vacina de Oxford. “Os problemas dos ensaios despois de que un paciente sufrise unha enfermidade sen explicación e un segundo, unha enfermidade neurolóxica, obrigaron a parar os ensaios, o que demostra que foi unha má decisión colocar todos os ovos na mesma cesta".

O BNG reclama ao Goberno mudar de estratexia e iniciar unha interlocución directa cos gobernos de Rusia e da China, ou cos seus representantes autorizados, para poder probar e/ou adquirir as súas vacinas fronte á COVID19 e para realizar as xestións necesarias para contactar cos distintos laboratorios internacionais para a realización de encargos de ensaios de vacinas e especificamente, permitir ou facilitar a realización de probas das vacinas chinesas ou rusa no Estado español.

Ademais, o deputado nacionalista, Néstor Rego, instou o Goberno español a incorporar á carteira de medicamentos todas as opcións de antivirais dispoñíbeis a nivel internacional que demostraran a súa eficacia na loita contra a COVID-19. Neste momento só está autorizado o Remdesivir, a pesar de que o Interferón cubano e Avifavir ruso teñen sido utilizados con éxito noutros países. No caso do Avifavir, ademais, resulta sensibelmente máis barato que o medicamento autorizado polo Goberno español.

O Bloque Nacionalista Galego considera que son razóns políticas, e xeoestratéxicas as que están detrás destas decisións do Goberno español, o que resulta inxustificábel. “Por unha parte, -destacou Néstor Rego- os intereses económicos de grandes laboratorios e incluso grandes fortunas mundiais e por outra, decisións xeoestratéxicas dos Estados que converten esta carreira nunha nova guerra fría en que está en xogo o prestixio e a hexemonía mundial en materia de ciencia e investigación". Rego cualificou de irresponsabilidade histórica que os países con máis recursos do planeta compitan en vez de cooperar para buscar unha solución a un problema global.

Para o BNG está claro que diante dunha pandemia que xa cobrou a vida de máis de un millón de persoas no planeta, 30.495 delas no Estado español, a busca e adquisición de vacinas non pode ser abordada desde unha perspectiva economicista nin xeopolítica senón desde unha perspectiva sanitaria e humanitaria. “Non é admisíbel, nin política nin moralmente, que nun contexto como no que nos encontramos poidan pesar máis os prexuízos ideolóxicos ou determinados intereses económicos e/ou xeoestratéxicos que a vida de decenas de miles de persoas” sentenciou Rego.

 O  BNG considera que o fundamental é dispor dunha vacina eficaz, segura e que estea dispoñíbel canto antes. O país de procedencia é absolutamente secundario.

BNG insta o Goberno español a adquirir máis dunha vacina