BNG insta ao goberno a “triplicar” os fondos para axudas directas ás persoas máis vulnerables

Noa Presas, portavoz de Economía
Noa Presas

Demanda ao goberno do estado regular,  de “maneira permanente”, a prohibición dos cortes de luz, auga e gas, rebaixar o IVE e intervir no sistema de poxas

Noa Presas urxe ao PP a tomar medidas urxentes  contra a maior suba de prezos dos últimos 30 anos e que Feixóo deixe de exercer como “telepresidente”, actuando só  a golpe de titular diario

 

Santiago de Compostela, 22 de marzo  de 2022.-  Ante a maior suba de prezos dos últimos 30 anos, a portavoz de enerxía do BNG, Noa Presas instou ao goberno galego a investir “26M€ para completar o bono térmico, 4M€ para axudas que eviten o corte de subministro eléctrico e demandar ao goberno do estado regular a prohibición  ‘de maneira permanente’ os cortes de luz auga e gas”.

O PP rexeita triplicar os fondos para axudas directas ás persoas máis vulnerables

A deputada do BNG reclamou  “triplicar” os fondos para axudas directas ás persoas máis vulnerables, proposta que a portavoz do Partido popular, Marta Novoa Iglesias anunciou que votaría en contra.   A nacionalista replicou que  “o aumento de prezos, aumenta o empobrecemento da sociedade”, unha realidade que require un goberno que actúe ante os problemas e non un ‘un telepresidente’ ausente e un Partido Popular que só se ocupa pola supervivencia do seu partido no lugar de velar pola supervivencia da xente.

Presas insistiu en que vivimos unha  situación insoportable en todos os ámbitos, pero sobre todo no enerxético e sen acceso á enerxía, recalcou , “ninguén pode vivir dignamente”. En este sentido, criticou que o goberno central continúe “noqueado” e a Xunta  permita que en  Galiza, “un país rico en enerxía” cada vez máis persoas non podan pagar a factura da luz.

Dende o BNG defendemos  propostas concretas para garantir o acceso á enerxía e por iso reclamamos “triplicar os fondos para axudas directas aos consumidores máis vulnerables”, reiterou.

A inflación disparada é un problema pero a  suba do prezo da luz é un problema aínda máis grave. A xuízo da deputada, o problema é estrutural e a enerxía en vez de ser un dereito converteuse “nun ben de especulación nun modelo enerxético corrompido no que mandan máis o lobby enerxético que os gobernos” e resulta “unha estafa”  porque pagamos a luz co prezo da tecnoloxía máis cara, xerando millóns de beneficios chovidos do ceo para as grandes empresas que os gobernos non queren intervir para non pechar as súas portas xiratorias.

Por outra banda, a esta situación crítica hai que sumar a especulación cos dereitos de emisión de CO2, a suba do gas e a guerra en Ucraína.

Para a deputada, o prezo da luz produce un efecto “dominó” sobre os demais prezos. No ano  2021 explicou, foi o ano  máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros e no que vai de 2022, o prezo duplica este récord, superando a media dos 228 euros.

Hoxe, insistiu Noa Presas,  “a mal chamada pobreza enerxética non é algo minoritario”, hoxe pagar cada mes a factura da luz  é un problema para a maioría dos galegos e galegas.

O informe máis recente da Rede Galega Contra a Pobreza sinalaba que no 2020 case “700.000 persoas, máis dun cuarto da poboación galega, estaba en risco de pobreza ou exclusión social” e  aumentaba a porcentaxe de persoas que non poden manter a vivenda cunha temperatura axeitada, “do 6% ao 9,6%”.

Presas cualificou de “indecente” que o goberno central agarde ao Consello de Ministros  do día 29 de marzo para abordar medidas contra a brutal suba dos prezos cando na súa man está “rebaixar o IVE e intervir no mercado de poxas”. Se o 30 de marzo hai unha medida publicada no BOE “non se vai notar ata a factura de maio” e iso significa, que “o mes de marzo e abril serán demoledores para millóns de persoas”.

Pero o panorama a respecto da Xunta, engadiu a nacionalista, “non é mellor”. O goberno galego conta cun mecanismo para evitar os cortes de enerxía e complementar o bono térmico do goberno central e polo contrario, “non fixo nada  nin puxo un só euro a maiores do transferido polo Estado”.

Segundo os datos da propia Xunta de Galiza, en 2021 as axudas complementarias do bono social eléctrico estatal chegaron a 5.278 familias, que non representa nin o 12% dos máis de 44.000 fogares en carencia material severa e non cubriría ás 7.200 familias que percibían no ano 2021 a RISGA, ou ás máis de 16.000 que percibían o Ingreso Mínimo Vital, (IMV).

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG